A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asiste ao V Congreso nacional de xestión de RAEE

A Xunta avalía iniciativas que contribúan a mellorar a xestión dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos para avanzar cara á economía circular

Os RAEE forman parten dun dos eixos prioritarios da Estratexia Galega de Economía Circular 2030, tendo en conta que estes aparellos poden prolongar a súa vida útil a través da súa reparación ou reutilización

Barcelona, 6 de outubro de 2023

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, asiste, en representación da Xunta, ao V Congreso nacional de xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) co obxectivo de avaliar iniciativas que contribúan a mellorar o tratamento destes refugallos para avanzar cara á economía circular.

Durante o congreso que se está a celebrar en Barcelona, abórdanse os retos e oportunidades da cadea de valor destes residuos no contexto dun modelo de economía circular baseado en manter os materiais o maior tempo posible no circuíto de produción e consumo para evitar tanto o esgotamento dos recursos como a contaminación do medio ambiente.

As iniciativas son debatidas e analizadas desde a perspectiva de todos os axentes implicados -produtores, asociacións sectoriais da industria, distribuidores, xestores de residuos, SCRAP e administracións públicas-.

Nesa liña, cómpre lembrar que os RAEE forman parten dun dos eixos prioritarios da Estratexia Galega de Economía Circular 2030, tendo en conta que estes aparellos poden prolongar a súa vida útil a través da súa reparación ou reutilización.

E, a maiores, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está traballando tamén na actualidade na aprobación do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2023-2030 e do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2023-2030, que lle darán continuidade aos anteriores.

 

Data de actualización: 06/10/2023