Marín conta xa con xulgados enerxeticamente eficientes tras as melloras realizadas pola Xunta cun orzamento superior aos 261.000 €

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou o edificio para comprobar as obras executadas

A iniciativa enmárcase na aposta por dotar Galicia de infraestruturas xudiciais sustentables e accesibles, a prol do benestar do persoal e da cidadanía

Marín (Pontevedra), 6 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o edificio dos xulgados en Marín para comprobar as melloras de eficiencia enerxética executadas pola Xunta cun investimento superior aos 261.000 euros. A iniciativa enmárcase na aposta por dotar Galicia de infraestruturas xudiciais sustentables e accesibles, a prol do benestar do persoal e das persoas usuarias.

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, en Marín, para conseguilo substituíronse as carpinterías exteriores existentes por unhas novas de madeira laminada, con dobre cristal e estores, o lucernario da cuberta, tamén con dobre cristal, e as luminarias fluorescentes por outras de tipo led con control de presenza.

Ademais, instalouse un cortaventos no acceso ao edificio cunha porta automática, reforzouse o illamento da cuberta e retellouse a ala norte que estaba en mal estado. Outras das melloras foron a colocación de novo falso teito no baixo e de varandas na rampla de acceso, así como o pintado das paredes dos espazos comúns.

Diego Calvo sinalou que o obxectivo é poñer á disposición do persoal e da cidadanía unhas instalacións eficientes que garantan a prestación de servizos nas mellores condicións de confort. Trátase de conseguir “unha optimización das instalacións e de reducir o consumo asociado á súa utilización”, apuntou.

Mellora das infraestruturas xudiciais

As melloras nos xulgados de Marín enmárcanse no compromiso da Xunta co impulso ás infraestruturas xudiciais, ás que destina nos orzamentos deste ano 1,6 millóns de euros só para obras de eficiencia enerxética.

Nesta liña, Diego Calvo referiuse tamén ao Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con 127 millóns de euros, co que se están a impulsar novas instalacións e a reformar as existentes para dar resposta ás actuais necesidades da Administración de Xustiza e prestar un servizo modernizado, áxil e eficiente. Neste marco de acción inclúense outras infraestruturas da provincia, como a Cidade da Xustiza de Vigo, posta en funcionamento este ano, ou os novos xulgados da Estrada, cuxa construción arrincou precisamente esta semana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023