A Xunta concede a Aspamite un vehículo adaptado para ampliar as actividades dos seus centros de día e ocupacional

O Goberno galego concedeu axudas a 80 entidades sociais que traballan no ámbito da discapacidade para a adquisición de vehículos adaptados por valor de 3,6M€

Teo (A Coruña), 6 de outubro de 2023 A Xunta concedeu á Asociación de pais de persoas con discapacidade de Teo (Aspamite) unha axuda de 43.000 euros para a adquisición dun vehículo adaptado que lles permitiu ampliar as actividades dos seus centros de día e ocupacional. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá as instalacións desta entidade e coñeceu os novos programas e saídas que realizan os usuarios destes centros gracias a esta axuda do Goberno galego.  

Este vehículo foi entregado pola Xunta de Galicia a través dunha orde de axudas específica na que saíron beneficiadas 80 entidades sociais que traballan no ámbito da discapacidade en Galicia. Unhas axudas ás que se destinaron 3,6 millóns de euros. Fabiola García lembrou que a Xunta colabora co tecido asociativo para ofrecer ás persoas con discapacidade e ás súas familias máis e mellores servizos de atención que lles permita mellorar a súa calidade de vida.  

Neste sentido, apuntou que o Goberno galego está a ampliar a rede galega de atención temperá que na actualidade acada as 46 unidades por toda a xeografía galega, continúase a avanzar nun sistema educativo inclusivo que atenda ás necesidades especiais de todo o alumnado, estanse a crear máis prazas públicas de atención á discapacidade e refórzase cada ano a colaboración co tecido asociativo con axudas para a construción e reforma dos seus centros.  

Escola infantil A Ramallosa

A continuación, a conselleira visitou a escola infantil municipal da Ramallosa acompañada da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo. Alí lembrou que a Xunta mantén aberta unha orde de axudas por valor de 34 millóns de euros para a ampliación ou construción de novas escolas infantís de titularidade municipal. Así mesmo, destacou que en Galicia todas as escolas de 0 a 3 anos son gratuítas para todos os nenos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023