A Xunta aproba os domingos e festivos nos que as grandes superficies comerciais poderán abrir en 2024

Elixíronse os días 7 de xaneiro, 28 de marzo, 30 de xuño, 12 de outubro, os cinco domingos do mes de decembro e o 6 de decembro

Cada ano consúltase ás principais organizacións do comercio e dos consumidores para fixar os dez domingos e festivos nos que poden abrir estes establecementos

Estas datas non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que este conta con liberdade horaria

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2023  A Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) os domingos e festivos concretos nos que os establecementos comerciais que non gozan de liberdade horaria, entre os que se atopan as grandes superficies, poderán abrir ao longo do vindeiro ano 2024. 

Logo da consulta previa ás principais organizacións do sector, ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e ao Consello Galego de Cámaras, os días de apertura, que tal e como marca a normativa son dez cada ano, repártense do seguinte xeito: 7 de xaneiro, primeiro domingo do ano; 28 de marzo, Xoves Santo; 30 de xuño, domingo; 12 de outubro, Festa Nacional de España; os cinco domingos do mes de decembro (días 1, 8, 15, 22 e 29 de decembro); e o día 6 de decembro, Día da Constitución Española. 

Calquera concello que o estime oportuno poderá solicitar ata o próximo 15 de novembro a modificación de ata dúas datas para o seu termo municipal para adaptalo aos festivos locais ou atendendo a calquera outra circunstancia motivada. 

Cómpre sinalar que estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que, con carácter xeral, poden decidir libremente o seu horario e días de apertura os establecementos de ata 300 metros cadrados, coa excepción dos que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.

Data de actualización: 06/10/2023