O conselleiro do Mar participou na presentación da campaña Camiño Gastronómico do Mar
Alfonso Villares destaca a contribución das organizacións de produtores pesqueiros como a de Burela á modernización e sustentabilidade do sector
A OPP-7 e a Asociación Amigos do Camiño do Mar organizarán un roteiro que promociona os produtos que captura esta frota
Está composto por sete etapas que percorren 15 concellos, sendo o seu inicio no municipio lugués de Ribadeo e rematando no coruñés de Neda
O titular de Mar puxo de relevo o traballo da OPP burelense no recurso contra o veto comunitario á pesca de fondo no que participa a Xunta como parte coadxuvante
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, eloxiou hoxe o traballo das organizacións de produtores pesqueiros como instrumentos innovadores e á vangarda da competitividade dentro das políticas pesqueiras europeas, fomentando a viabilidade e sustentabilidade das actividades pesqueiras e contribuíndo a acadar un sector moderno e rendible con futuro.
Así o sinalou en Burela durante a presentación da cuarta edición da campaña Camiño Gastronómico do Mar impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela e a Asociación de Amigos do Camiño do Mar. Alí tamén salientou a valentía dos palangreiros da OPP-7 burelense na defensa directa dos intereses da frota e do sector coa presentación do recurso contra o regulamento comunitario que prohibe a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Nordeste e no que a Xunta participa como parte coadxuvante. Unha limitación de Bruxelas que o titular de Mar cualificou de arbitraria e inxustificada.
En relación coa promoción dos produtos da pesca, Alfonso Villares puxo en valor o Camiño Gastronómico do Mar, que consiste nun roteiro por 15 concellos polos que transcorre unha variante da ruta xacobea que comunica o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela. A campaña, que comezará o vindeiro 15 de outubro en Ribadeo, está composta por sete etapas ao final das cales os participantes poderán degustar dúas receitas a base de produtos da lonxa de Burela a cargo da Asociación de Cociñeiros de Lugo.
Esta iniciativa enmárcase dentro das accións incluídas no Plan de Produción e Comercialización da OPP e que contan co cofinanciamento da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Ten como principais obxectivos divulgar e reivindicar o trazado do Camiño do Mar, promocionar as especies capturadas pola frota de altura de Burela cunha selección das principais especies pesqueiras como a pescada do pincho, peixe espada, o rape ou o chicharro así como exaltar hábitos de vida saudables como son a práctica de deporte e manter unha dieta equilibrada.