A Xunta convoca os Premios fin de carreira das ensinanzas artísticas superiores

Van dirixidos ao alumnado que rematou estudos de Música, Deseño, Artes Dramática e Conservación e Restauración de Bens Culturais o pasado curso en centros públicos

Cada galardoado recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 25 de outubro

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria dos Premios fin de carreira das ensinanzas artísticas superiores, en concreto para o alumnado que rematou os seus estudos no curso 2022/23 en centros públicos de Galicia nas disciplinas de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

En total, poderán concederse ata seis premios, a razón de dous para as ensinanzas artísticas superiores de Música, outros dous para ensinanzas artísticas superiores de Deseño, un para ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática e outro para ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Para poder acceder a este recoñecemento, as persoas candidatas deben contar cunha puntuación media no expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos.

Os interesados deberán formular as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 25 de outubro. Os galardoados recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo do recoñecemento.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades instaurou estes premios por primeira vez no ano 2020, co fin de que os alumnos destas ensinanzas artísticas superiores estean en igualdade de condicións e de oportunidades que os titulados universitarios, que xa contan con galardóns deste tipo desde hai anos. O seu obxectivo é recoñecer a excelencia no rendemento académico e o esforzo, traballo e dedicación dos alumnos destas ensinanzas.

 

Data de actualización: 08/10/2023