A Xunta analiza os retos do emprego público no século XXI

O persoal directivo da Administración autonómica asiste na EGAP a unha sesión formativa sobre a evolución do emprego público no contexto actual dentro do Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia

O director xeral da Función Pública, José María Barreiro, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentaron a sesión, na que participaron os catedráticos de Dereito administrativo Luis Miguel Arroyo Yanes e Jesús Fuentetaja Pastor
 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu esta tarde unha sesión formativa dirixida a analizar os retos do emprego público no século XXI.

Esta acción enmárcase dentro do Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia, dirixido ao persoal directivo e da Administración autonómica, que desde o mes de abril está a formar a 30 persoas en materias como a comunicación, as novas tecnoloxías, a xestión de recursos humanos ou a economía pública.

A sesión foi introducida polo director xeral da Función Pública, José María Barreiro, e pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. Esta última, na súa intervención, destacou o incremento da formación sobre emprego público nos plans de formación anuais, converténdose nunha das liñas estratéxicas da Escola. Neste senso, aludiu tamén á creación do ciclo “Presente e futuro do emprego público na Administración pos-Covid”, un formato baixo o que se convocan desde 2020 numerosos webinarios sobre aspectos concretos da materia.
 
Os relatorios foron impartidos polos catedráticos de Dereito administrativo, Luis Miguel Arroyo Yanes e Jesús Fuentetaja Pastor.

Curso superior de planificación estratéxica

O Curso superior sobre planificación estratéxica, xestión e comunicación no ámbito da economía pública de Galicia é unha actividade de 40 horas convocada pola Escola Galega de Administración Pública co obxectivo de amosar os principais retos e medidas en materia de planificación estratéxica da economía pública galega. Trátase de garantir o desenvolvemento económico sostible e asegurar que os recursos públicos se utilicen de maneira responsable e eficiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023