A Xunta aposta polo fomento da cooperación municipal para mellorar a eficiencia na prestación dos servizos públicos á cidadanía

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, lembrou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta colabora coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas nun estudo que analiza desde un punto de vista multidisciplinar a reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal

O estudo inclúe os resultados dun milleiro de enquisas á cidadanía e entrevistas a unha trintena de expertos que amosaron, en xeral, unha postura favorable ás fusións, ademais de propostas normativas que se están a avaliar e se terán en conta na nova Lei de Administración Local de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a colaboración entre administracións pero, sobre todo, a cooperación municipal, é o camiño a seguir para mellorar a calidade na prestación dos servizos municipais gañando eficiencia e evitando duplicidades e garantindo a igualdade de oportunidades, en especial nos municipios de menor poboación.  

Na súa intervención, lembrou que Galicia foi pioneira co impulso das dúas únicas fusións voluntarias de municipios que se produciron en España en 40 años: as de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade. Entre as vantaxes destes procesos, asegurou que “teñen unha mellor capacidade financeira para afrontar con maiores garantías o reto de fixar poboación no seu territorio e buscar a súa viabilidade futura”. Trátase dunha fórmula -engadiu- para contribuír a paliar o despoboamento do rural axudando a que os concellos “podan manter e mesmo implantar novos servizos para a cidadanía”.

Coa dispersión da poboación, os concellos de menor poboación cada vez teñen máis dificultades para xestionar e financiar os servizos que a súa veciñanza precisa. Por iso, a Administración autonómica premia, como lembrou a directora xeral, premia nas súas convocatorias de axudas públicas aquelas que cheguen de mancomunidades ou entidades asociadas.

Dende 2013, a lexislación básica en materia de réxime local, por iniciativa do Goberno galego, recolle medidas concretas encamiñadas a fomentar e incentivar a fusión entre concellos de municipios e supón unha garantía de elevación do seu financiamento mínimo. Tamén desde ese ano se acordou que todas as convocatorias de axudas a concellos ofrezan vantaxe aos proxectos presentados de xeito conxunto. Ademais, desde 2016 a normativa eleva a rango legal medidas complementarias para primar proxectos de xestión compartida e incentivar os procesos de fusión municipal.

Así, o Goberno galego continuará a promover as agrupacións de municipios para a prestación conxunta de servizos e competencias, así como as mancomunidades que ofrecen e executan servizos tamén de forma conxunta. A directora xeral de Administración Local sinalou que os concellos fusionados de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade beneficiáronse das partidas destinadas ao fondo especial de fusións que ascenderon a máis de 13,5 millóns de euros no período 2016-2023, e recibiron a práctica totalidade das axudas convocadas para as entidades locais que comparten servizos públicos.

O Goberno galego pretende seguir promovendo a unión de concellos e, nesa liña, a Xunta iniciou un estudo que analiza desde un punto de vista multidisciplinar a reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal e outras fórmulas de cooperación intermunicipal, no marco do convenio coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas. Neste estudo analizáronse as experiencias dos concellos Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, a situación anterior e posterior ás fusións, a súa repercusión económica e a calidade dos servizos prestados á veciñanza.

O convenio incluíu a realización dunha enquisa a un milleiro de galegos e galegas para coñecer a súa opinión sobre as fusións municipais e outras alternativas de adaptación da planta local. En concreto, sobre a diagnose que fai a cidadanía da situación dos concellos e a que se dedican, o sentimento identitario con respecto ás entidades territoriais, a valoración respecto a alternativas para a remodelación do mapa municipal, e as implicacións que pensa que tería cambiar o mapa municipal.

Como resultado, as primeiras conclusións amosaron que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos (83%), e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos. Malia que as porcentaxes diminúen cando a pregunta se fai sobre o propio concello, neste caso máis da metade da poboación (un 56%) estaría a favor da fusión.

Estas enquisas complementáronse con outras entrevistas cualitativas a unha trintena de expertos en urbanismo, dereito e outras disciplinas vinculadas á administración local, así como a políticos, traballadores municipais e representantes sindicais con experiencia na materia. Neste caso, como abordou Natalia Prieto, os resultados reflectiron que é preciso “acometer reformas na planta municipal e apostan polas fusións voluntarias e por outras formas de cooperación para a mellora dos servizos públicos que os concellos prestan á cidadanía”. Ademais das enquisas á cidadanía e as entrevistas aos expertos, o estudo concluirá “cunha serie de propostas normativas que están a ser avaliadas para telas en conta na reforma da Lei de Administración Local de Galicia na que a Xunta está a traballar”.

Segundo explicou a directora xeral de Administración Local, a elaboración deste estudo abriu un debate sobre a necesidade de actualizar o mapa político-administrativo de Galicia, así como avaliar se a planta municipal é eficiente, estudar alternativas que melloren a súa eficacia e mitiguen os problemas que xera o despoboamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023