Presentado o libro ‘Os batismos da meia noite’, gañador do X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A publicación é parte do recoñecemento impulsado pola Xunta de Galicia, o Festival Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo

O prazo de presentación de obras para a edición deste ano continúa aberto ata o 15 de outubro

Ourense, 5 de outubro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do libro Os batismos da meia noite, de Joan Alvado, gañador do X Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un galardón impulsado pola Xunta de Galicia, o Festival Outono Fotográfico e a Deputación de Lugo co obxectivo de promover novas creacións nesta disciplina. O acto, que tivo lugar na Galería Marisa Marinón de Ourense, contou, entre outros, coa asistencia do director do Festival Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez.

 

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia deste galardón como plataforma para dar a coñecer o talento de novos creadores no eido da fotografía ao tempo que supón un espazo de intercambio artístico entre Galicia e o do resto do mundo. Así mesmo, puxo en valor o traballo feito polo artista neste ensaio fotográfico para dar a coñecer elementos da cultura tradicional galega e portuguesa desde un enfoque etnográfico e antropolóxico.

 

A publicación do libro forma parte do premio deste certame dotado cun único galardón que consiste na edición dun libro e na produción dunha exposición temporal que se inaugurará en Lugo e que itinerará durante dous anos. No caso de Os batismos da meia noite, a mostra puido verse no Pazo de San Marcos, en Lugo, nas salas de Afundación en Galicia e por outras localidades de Portugal e do resto de España.

 

Tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, o prazo de presentación para a edición deste ano continúa aínda aberto, polo que os interesados en participar poderán enviar os seus proxectos ata o 15 de outubro. Só se poderán enviar traballos realizados entre outubro de 2013 e outubro de 2023, e que non foran subvencionados ou recibisen unha bolsa na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte. Respecto do tema e mais da técnica terán absoluta liberdade.

Data de actualización: 05/10/2023