O investimento da Xunta destinado á dotación de equipamento para os servizos de emerxencias nos últimos anos acada os 26 M€

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe no Parlamento de Galicia, que desde 2015 lévanse investidos 14M€ en material para as Agrupacións de Voluntarios de Voluntarios de Protección Civil

Destacou o labor dos servizos de emerxencias para garantir a seguridade da cidadanía cunha resposta rápida ante calquera incidencia e solicitou ao resto de administracións que, ao igual que a Xunta, amosen o seu compromiso co seu funcionamento, a cesión de material e a formación

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, puxo en valor hoxe no Parlamento de Galicia o traballo da Xunta para completar o mapa de emerxencias de Galicia co obxectivo de ofrecer unha mellor atención á cidadanía en caso dunha incidencia, pese a que a prestación dos servizos de Protección Civil e de xestión de emerxencias -incluíndo os de extinción de incendios e salvamento- corresponden ás administracións locais. En concreto, compete aos municipios de máis de 20.000 habitantes e ás deputacións provinciais nos concellos que teñan menos desta poboación.

Lembrou que Galicia conta cunha rede de 235 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), que supoñen máximo histórico na comunidade, ás que se suman unha trintena de Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e cinco consorcios contraincendios e salvamento, un por cada provincia xunto co das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. 

Nesta liña, o director xeral explicou que aínda que as competencias directas dos servizos de emerxencias son de carácter local, a Xunta, “nun exercicio de responsabilidade” colabora dotando aos servizos de emerxencias dos medios axeitados para “garantir a seguridade de toda a poboación galega e prestar un servizo uniforme en toda a comunidade”.

Así, nos últimos anos o investimento da Xunta na dotación de material e equipamento para os servizos de emerxencias da comunidade -AVPC e GES- acada os 26 millóns de euros, incluíndo os 2 millóns de euros previstos neste ano. A contía máis destacada vai destinada ás agrupacións de Protección Civil, con 14 millóns de euros en equipamento desde 2015.

Neste ano, como indicou Santiago Villanueva, a Xunta xa aprobou a orde anual para o equipamento de protección civil nas entidades locais de menos de 50.000 habitantes, cun orzamento de 425.000 euros e con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027. Deste xeito, distribuiranse 8 remolques de atención a emerxencias, 20 tendas de campaña e, por primeira vez, 21 kits de material loxístico de seguridade viaria, outros 21 de ferramentas eléctricas e 21 de material para emerxencias no medio acuático.

Este novo material sumarase aos 220 vehículos, máis de 130 remolques, máis de 130 terminais de radiocomunicación, entre outros recursos, cedidos ás agrupacións nos últimos anos. O Goberno galego contribúe desta maneira -sinalou o director xeral- a mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados de diferentes sinistros como incendios ou inundacións.

No que se refire ás AVPC, o investimento da Xunta supera os 22 millóns de euros nos últimos anos entre os 14 millóns para equipamento, 5 millóns na formación do voluntariado a través de distintos cursos da Academia Galega Seguridade Pública (AGASP) e na organización de xornadas, e os case 4 millóns de euros nos gastos de funcionamento mediante unha orde anual de 340.000 euros que este ano xa se resolveu con 189 entidades beneficiarias.

Ademais, no caso dos GES e dos consorcios de bombeiros a Xunta tamén asume máis da metade dos seus custos de mantemento anuais, o que supón un importante desembolso económico para a Xunta cada exercicio. Os efectivos dos GES, dos servizos de extinción de incendios e salvamento e os servizos municipais de protección civil e emerxencias poden participar ademais na AGASP na ampla oferta de actividades formativas dirixidas a estes colectivos no marco do plan de formación continua da Academia para que acaden unha ampla capacitación no exercicio das súas funcións e no desenvolvemento das súas competencias.

Por iso, Santiago Villanueva apelou á colaboración das demais administracións para que os servizos de emerxencias da comunidade poidan seguir desempeñando o seu papel esencial na seguridade e benestar da veciñanza, do mesmo xeito que a Xunta mantén o seu compromiso co funcionamento, a dotación de recursos materiais e a formación destes servizos. Respecto ás agrupacións de voluntarios incidiu no traballo altruísta imprescindible que levan a cabo na prevención de incidencias e no apoio aos servizos de emerxencias nas intervencións co fin de prestar unha actuación rápida ante situacións imprevistas que redunda nunha maior seguridade para a poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023