O presidente da Xunta participa na clausura da xornada do XXV aniversario da alianza Vegalsa-Eroski

Rueda enxalza o papel das empresas que xeran valor en Galicia e apostan polo produto local

Salienta o labor levado a cabo polas magníficas empresas familiares que crean riqueza na comunidade e son exemplo do selo Galicia Calidade

Agradeceu a Vegalsa-Eroski que manteña as raíces e o contacto co lugar que a veu nacer e medrar, “xa que aí está gran parte do éxito”
 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou o papel das empresas que xeran valor en Galicia e puxo como exemplo deste compromiso a Vegalsa-Eroski e o seu compromiso co produto local. “Este grupo aposta dunha forma especialmente intensa por distribuír todo o galego, non só aquí senón en todas partes, e é un exemplo máis das magníficas empresas familiares que temos en Galicia”, apuntou.

O titular do Goberno galego fixo estas declaracións durante o acto de clausura da xornada polo cuarto de século do aniversario da alianza do grupo galego e vasco, no que estivo acompañado dos conselleiros do Medio Rural e do Mar, José González e Alfonso Villares, respectivamente. “Estamos celebrando 25 anos nos que esta alianza foi medrando sempre e iso non ten que ser nada sinxelo, máis nun mundo tan difícil, tan competitivo e tan cambiante”, indicou.

A este respecto, Rueda puxo ao grupo como exemplo do selo Galicia Calidade, non só por apostar polo produto autóctono senón tamén por se unha das empresas máis importantes por volume de facturación, por número de traballadores e por capilaridade. “Ao final non só consiste no produto, consiste en ver como se vende ese produto e quen o vende e o fomenta”, sinalou, ao tempo que agradeceu á empresa “manter as raíces e o contacto co lugar que a veu nacer e medrar, xa que aí está gran parte do éxito”.

O presidente da Xunta aproveitou para agradecer o labor que levan a cabo os emprendedores en Galicia e comprometeu o apoio das administracións para axudarlles a seguir creando riqueza. “Sodes un exemplo perfecto desa colaboración público-privada tan importante, confiando nunha administración que, espero, estea sempre á altura”, explicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023