As asociacións de autónomos aportarán a súa experiencia no proceso de mentorización e asesoramento a través dos polos de emprendemento da Xunta

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, mantivo hoxe unha xuntanza co colectivo dos traballadores por conta propia no seo da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia

Sinalou que a Xunta elabora en colaboración co colectivo a Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento de máis de 200 millóns de euros

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, mantivo hoxe unha xuntanza co colectivo dos traballadores por conta propia no seo da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia á que asistiron representantes de APE, ATA e Agtamar.

Na reunión, ademais de avaliar a situación actual do mercado de traballo, abordouse a posibilidade de que as tres asociacións máis representativas dos autónomos en Galicia apoien coa súa experiencia a mentorización das persoas emprendedoras que están a asesorarse con seus proxectos a través da Rede de polos de emprendemento da Xunta. “A nosa intención con esta medida é que os polos aúnen todos os recursos autonómicos en materia de emprendemento, ao tempo que conten coa experiencia do propio colectivo, seguir sumando forzas para impulsar o emprendemento en Galicia e dar solucións a estes traballadores”, apuntou o secretario xeral.

Fernández apuntou, así mesmo, que a Xunta mantén “un diálogo constante” con este colectivo, para atender as necesidades tanto dos que empezan como dos que están xa en activo para dar saída as súas problemáticas como é en moitas ocasións a falta de relevo xeracional.

Lembrou que no que vai de ano, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade activou máis de 66 millóns de euros do orzamento específico destinado a este grupo de profesionais; e está a deseñar unha nova estratexia para os traballadores por conta propia: a Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que se elabora en colaboración coa Mesa do Emprego Autónomo e prevé publicarse este 2023, cun orzamento de máis de 200 millóns de euros.

Galicia é cun 20 % do total de afiliados a primeira comunidade autónoma con maior peso deste colectivo e se posicona como a segunda rexión con maior porcentaxe de empresarios empregadores de man de obra, dentro do total de ocupados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023