Declarado Proxecto de interese autonómico o novo CHUAC que axilizará trámites para que estea activo canto antes para 550.000 pacientes da área da Coruña e Cee
O presidente da Xunta salienta que “facilitará, simplificará e acelerará” os trámites para, cunha inversión de máis de 500 M€, converter o novo hospital “nun centro de referencia de España”
Con esta declaración complétase a tramitación do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do novo hospital público da Coruña, incluídas as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario nas Xubias e o espazo para resituar as vivendas afectadas
Rueda informa de que tamén se acordou declarar a urxencia para a tramitación das expropiacións necesarias para levar a cabo a actuación, que suporán un investimento de 17 M€
A intervención conta, ademais, con informe ambiental, tanto para o proxecto de interese autonómico como para as vías e os accesos
O proxecto prevé como principal ámbito de actuación Curramontes, onde está o actual complexo e onde se realizarán as obras de renovación e ampliación e os accesos
Executarase un novo anel viario que distribuirá os accesos ás diferentes áreas do hospital e un aparcadoiro soterrado para resolver os problemas de aparcadoiro
O segundo ámbito previsto é Pedralonga, onde se acometerá a urbanización residencial para facilitar o realoxo de afectados polas expropiacións de vivendas
A Xunta xa licitou en xullo a demolición do Hotel de doentes e a construción da torre polivalente, así como a redacción do proxecto e execución de obra dos accesos, cun investimento xa mobilizado de máis de 60 M€
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor a aprobación hoxe por parte do Consello da Xunta do proxecto de interese autonómico do novo CHUAC, que permitirá axilizar os trámites para que a área sanitaria da A Coruña e Cee poida contar “canto antes” cun novo hospital público que atenderá a 550.000 pacientes.
O mandatario galego incidiu en que esta declaración “facilitará, simplificará e acelerará moito” os trámites necesarios para facer o investimento de máis de 500 millóns de euros no novo CHUAC. Neste senso, lembrou que se trata do “investimento máis importante” e de “máis volume” da Xunta na mellora da rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde co obxecto de “consolidalo como un centro de referencia en España”.
Rueda avanzou que a previsión é adxudicar estes contratos en outono. En concreto, a Torre Polivalente será a primeira edificación do novo CHUAC e que as obras comezarán entre finais deste ano e inicios de 2024.
Atención sanitaria a máis de 550.000 pacientes
O novo Hospital Público da Coruña que está a impulsar a Xunta de Galicia cun investimento de máis de 500 M€ ten como obxectivo ofrecer unha mellor resposta aos problemas de saúde dos cidadáns da Coruña e da súa área, así como unha rápida atención asistencial.
O complexo centrará a atención sanitaria da Coruña durante as vindeiras décadas e abranguerá a área sanitaria da Coruña e Cee, o que significa darlles atención a máis de 550.000 pacientes.
Este proxecto multiplicará por tres a superficie actual do hospital, que pasará dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² .