A Xunta aposta pola construción sanitaria sostible co uso de materiais naturais e a introdución de enerxías renovables

A Coruña acolle a inauguración do 40º Seminario de Enxeñaría Hospitalaria, onde se abordarán temas como a economía azul, a enxeñaría biomédica ou a eficiencia enerxética

Entre as iniciativas da Xunta están a introdución de enerxías renovables en 14 centros de saúde de Galicia, ou a posta en marcha no hospital Álvaro Cunqueiro de 750 paneis fotovoltaicos
 

A Coruña, 5 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de inauguración do 40º seminario de enxeñería hospitalaria onde se abordarán temas como a economía azul, a enxeñaría biomédica ou a eficiencia enerxética, “que integrar a economía circular na atención sanitaria é un exemplo de transformación para o ecosistema industrial da comunidade e unha aposta pola saúde das persoas”.

Tal e como dixo o responsable da carteira sanitaria neste seminario ao que se desprazan 1.500 persoas entre congresistas e empresas, o Sergas e a Axencia Galega de Industria Forestal desenvolveron un marco de colaboración que promove proxectos que optimizan a calidade de vida da cidadanía galega. Trátase con esta cooperación, -dixo Comesaña-, “de emular a natureza nos edificios que habitamos para mellorar a saúde das persoas e o uso de materiais naturais, especialmente o da madeira”. Estas accións conectan coa Estratexia de Economía Circular do Sergas, recentemente presentada, e que marcará a folla de ruta para os vindeiros sete anos.

No marco da construción sostible, o conselleiro sinalou que o seu departamento quere potenciar o uso de materiais naturais nos seus centros, “como xa se fixo no PAC de Laracha, ou nas reformas dos centros de saúde de Porriño, Moaña, Antas de Ulla e Abegondo, e o futuro Centro Integral de Saúde de Ourense”.

A nosa estratexia, -remarcou Comesaña-, “inclúe unha serie de medidas que permitirán aforrar custes, conseguir unha maior eficiencia e minguar as emisións en todas as instalacións sanitarias”. Entre os obxectivos concretos, o conselleiro citou reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030.

Equipos multidisciplinares

Os departamentos de enxeñaría hospitalaria deben converterse, -sinalou o responsable do Sergas-, “en equipos multidisciplinares para abordar retos como a planificación de novas infraestruturas ou a remodelación das xa existentes”. En Galicia Comesaña incidiu en que esta colaboración esta sendo crucial para afrontar a construción do novo hospital universitario da Coruña ou o novo Montecelo, así como o Centro de Protonterapia e a ampliación dos complexos hospitalarios de Ferrol e Ourense e a adaptación e adecuación do Meixoeiro. Tamén destacou a renovación do equipamento de alta tecnoloxía de todo o Sergas, cun investimento de máis de 60 millóns de euros.

Outras iniciativas da Xunta neste campo son a introdución de enerxías renovables en 14 centros de saúde de Galicia, ou a posta en marcha no hospital Álvaro Cunqueiro de 750 paneis fotovoltaicos e unha caldeira de biomasa. Ademais, as áreas sanitarias de Ourense e Lugo foron premiadas, o pasado ano, polo seu compromiso en proxectos de instalación de enerxías renovables nos seus hospitais e centros.

No que atinxe a máis actuacións de dotación de enerxía solar nos centros sanitarios ou de iniciativas contra o cambio climático, o conselleiro remarcou a recente licitación das obras vencelladas ao proxecto Life Resystal nos hospitais de Ourense.

Para rematar a súa intervención, o titular da carteira sanitaria dixo que, co obxecto de dar continuidade á colaboración entre universidades e centros hospitalarios, o Sergas creou, a finais do pasado ano, a categoría profesional de enxeñeiro biomédico, o que contribuirá a unha mellor optimización dos recursos sanitarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023