A serie documental ‘As pedras falarán’ celebra cos seus protagonistas os 30 anos do Xacobeo co apoio da Xunta

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na presentación desta peza de seis episodios que explora a evolución do Camiño de Santiago nestes anos

Participan, entre outros, o promotor do Xacobeo 93, Víctor Vázquez Portomeñe ou os historiadores Ramón Villares e Xosé Luis Barreiro

As primeiras imaxes proxectaranse en exclusiva o vindeiro sábado no marco da gala de clausura do Festival Internacional de Cine de Ourense
 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe en Santiago de Compostela, na presentación de As pedras falarán, a mini serie documental de seis capítulos que, da man de varios dos seus protagonistas e expertos en historia, cultura, economía ou espirituralidade, ofrece unha visión en primeira persoa da evolución do Camiño de Santiago e como influíu a celebración do Xacobeo na sociedade nos últimos anos.

Xosé Merelles referiuse á oportunidade que supón esta iniciativa “para coñecer tamén o papel daquel Xacobeo para a proxección de Galicia e a nova maneira de enfocar o turismo cultural ao ser cada vez máis as persoas que fixeron o Camiño de Santiago desde aquela data”. En cifras, recordou que, no xubileo inmediatamente anterior ao Xacobeo 93 o número de peregrinos que recolleran a Compostela non chegaba a 2.000 pero o Xacobeo 93 “deu un importantísimo impulso á peregrinación, xa que ese ano chegaron máis de 99.000 peregrinos e o crecemento foi constante ata chegar aos máis de 400.000 ao ano que recibimos agora”.

O director de Turismo de Galicia salientou, ademais, aos avances que se rexistraron para dar resposta a toda esta afluencia de peregrinos que permitiron “dinamizar de xeito especial o rural” e mellorar a acollida dos peregrinos coa Rede Pública de Albergues do Xacobeo que arrancou naquel momento e que hoxe conta con máis de 70 establecementos. Xosé Merelles agradeceu tamén o labor do impulsor do Xacobeo 93, Víctor Vázquez Portomeñe -presente no acto- e animou a ver esta peza documental para “facer memoria e tamén para poder falar de futuro e de novos retos xusto no momento no que conmemoramos os 30 anos do Xacobeo”, explicou.

Seis capítulos

O documental As pedras falarán é unha mini serie de seis capítulos de 30 minutos cada un producida pola produtora Ézaro Films co apoio de Turismo de Galicia. Ofrece unha visión do Camiño de Santiago e a celebración do Xacobeo a través de varios dos seus protagonistas e expertos na historia, cultura, economía e espiritualidade como Víctor Vázquez Portomeñe, Ramón Villares, Xosé Luis Barreiro, entre outros.

Abórdanse cuestións relacionadas co primeiro Ano Santo Xacobeo 1993 e como foi recibido polos peregrinos e os residentes locais. Explóranse tamén as orixes do Camiño de Santiago ata se converter nun dos roteiros de peregrinación máis importantes do mundo e como o turismo relacionado co Camiño creou emprego e impulsou a economía nas áreas rurais de Galicia. As primeiras imaxes en exclusiva proxectaranse o próximo sábado no marco da Gala de Clausura do Festival Internacional de Cine de Ourense.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023