Saúde pública traballa na acreditación pioneira en España do seu servizo de inspección

A Escola Galega de Saúde Pública organiza a III Xornada da Calidade no Control Oficial con máis de cen asistentes con interese na calidade nas inspeccións de seguridade alimentaria e sanidade ambiental

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, inaugurou na Consellería de Sanidade a III Xornada da Calidade no Control Oficial, organizada pola Escola Galega de Saúde Pública.

Na súa intervención, acompañada pola subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, Inés Mato Naveira, adiantou o esforzo da Consellería por conseguir a acreditación pola norma ISO 17020 na inspección de saúde pública. De lograrse, o control oficial en saúde pública de Galicia sería un dos primeiros servizos de España en dispoñer desta acreditación, tal e como posteriormente mencionaría na súa ponencia persoal técnico de ENAC (Entidade Nacional de Acreditación) ao falar das súas vantaxes.

Ademais, nesta xornada de calidade explicouse o proceso de acreditación dende a perspectiva dunha das partes auditadas, o Servizo de Control de Riscos Ambientais da provincia de Pontevedra e contouse cun inspector que explicou o rol do inspector de saúde pública en todo este proceso.

A xornada, ao persoal do ámbito do control oficial en saúde pública, conseguiu reunir a máis dun cento de expertos en calidade e a persoal inspector das catro provincias.

Para os profesionais, avanzouse a próxima modificación da páxina web de INSPEWEB, un repositorio de carácter interno onde atopar toda a documentación de calidade e dos programas de vixilancia de seguridade alimentaria e sanidade ambiental necesaria para levar a cabo as inspeccións.

Por último, a xornada completouse coa intervención dunha experta en capacidade comunicativa que falou do optimismo responsable e das claves para converter a calidade nun reto motivador e unha mesa redonda que clausurou o programa coas conclusións.

Data de actualización: 05/10/2023