A Xunta pon en valor o papel dos administradores concursais en apoio aos maxistrados dos xulgados do mercantil

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou no ‘XVII Encontro en Galicia de Profesionais de Dereito Concursal’ a importancia de foros de referencia nacional coma este para actualizar a formación dos profesionais sobre a nova normativa concursal

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, inaugurou hoxe o XVII Encontro en Galicia de Profesionais de Dereito Concursal, organizado polo Consello Galego de Economistas, onde puxo en valor o traballo dos administradores concursais na recuperación das empresas que atravesan situacións complicadas e, nos casos nos que non é posible, na presentación dunha solución no menor tempo posible para os procesos de insolvencia.

Nesta liña, incidiu no complexo traballo que desempeñan, tanto na prestación de auxilio aos maxistrados dos xulgados mercantís como na asistencia pericial por parte dos economistas que a Administración de Xustiza demanda. Nas xornadas que se celebran hoxe e mañá en Santiago de Compostela tamén participan precisamente maxistrados de xulgados do Mercantil de cidades galegas como do resto de España. Destacou ademais na importancia dos tribunais desta xurisdición para atender asuntos que afectan ás familias como Ertes, despidos ou concursos de acredores.

Diego Calvo agradeceu ao Consello Galego de Economistas que opte nos últimos anos por escoller a capital galega como sede deste encontro de referencia nacional consolidado no ámbito concursal. Así, o evento permitirá abordar as novidades lexislativas de gran calado en materia concursal e os retos abertos para o futuro nesta materia.

O vicepresidente primeiro destacou que, grazas ao encontro, as persoas participantes  reforzarán os seus coñecementos sobre a normativa neste eido, en concreto da reforma da Lei concursal 16/2022 do ano pasado e, entre outras novidades derivadas dela, o emprego da plataforma telemática concursal para a tramitación do procedemento especial para microempresas que entrou en vigor a comezos deste ano. En definitiva, segundo sinalou Diego Calvo, con este evento trátase de abordar as novas ferramentas preconcursais e concursais que a lei ofrece para a xestión da insolvencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2023