O presidente da Xunta inaugurou o XXIX Congreso de Neonatoloxía e Medicina Perinatal e o IX Congreso de enfermaría neonatal

Rueda pon en valor que Galicia dispón do programa de cribado neonatal máis completo de España

Destaca que o programa de cribado de Galicia inclúe ata 30 patoloxías, fronte as 7 que inclúe a carteira básica estatal

Lembra que a comunidade foi pioneira mundial en comezar a vacinar aos nenos e nenas do virus que causa a bronquiolite
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor que Galicia dispón do programa de cribado neonatal máis completo de España, que inclúe ata 30 patoloxías, fronte ás 7 da carteira básica estatal.

Así o destacou hoxe durante a súa intervención na inauguración do XXIX Congreso de neonatoloxía e medicina perinatal e do IX Congreso de enfermaría neonatal, onde estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O titular do Executivo galego, que agradeceu o traballo de todos os profesionais sanitarios que traballan nestas especialidades, explicou que cos cribados poden detectarse con antelación enfermidades conxénitas do metabolismo, o que se traduce, na práctica, en máis tratamentos aplicados a tempo e maiores taxas de éxito.

Ao respecto, recordou o exemplo do bebé galego ao que neste verán se detectou Atrofia Muscular Espinal (AME) a través destas análises. Foi o primeiro caso positivo desde que se incorporara esta enfermidade ao cribado en maio deste mesmo ano. Grazas a esta detección precoz, o Sergas tratouno cunha terapia xénica antes das súas tres primeiras semanas de vida, o que pode supoñer un gran avance para a súa calidade de vida.

Na mesma liña de protexer a saúde dos máis pequenos, Rueda recordou tamén que Galicia foi pioneira a nivel mundial en comezar a inmunizar aos nenos e nenas do virus da bronquiolite, unha vacinación que xa comezou a aplicarse o pasado 25 de setembro.

Para finalizar, considerou que a prevención pasa tamén por ter os mellores recursos técnicos. Por iso, a Xunta está investindo máis de 4 millóns de euros en instalar 58 novos equipos de ecografía nos servizos de obstetricia e xinecoloxías da sete áreas sanitarias galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023