A Xunta colabora nas melloras dos locais das asociacións veciñais viguesas Camiño Vello e Cristo da Victoria con achegas que suman case 30.000 euros

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións para comprobar as obras realizadas e o equipamento adquirido

O apoio enmárcase no Plan específico de acción comunitaria, dotado cun orzamento de 3M€

Vigo, 4 de outubro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe os locais sociais das asociacións veciñais viguesas Camiño vello de Coia e Cristo da Victoria para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta. O Goberno galego achegou preto de 30.000 euros para a realización de obras e a dotación de equipamento en ambas as instalacións ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria.

No caso da entidade Camiño vello, da axuda de 15.660 euros recibida destináronse 10.660 ás obras para o cambio das portas e das caixas de persianas do local. Os 5.000 euros restantes investíronse en material informático.

Pola súa banda, o colectivo Cristo da Victoria recibiu 14.000 euros, dos que 9.200 foron para a reparación e pintado de paredes interiores, fachada e xardineiras; para a instalación de apliques, enchufes e contador de auga; e para lixado e pintado de varandas e reixas. Outros 4.800 euros permitiron adquirir diversos equipamentos, como material informático. Esta entidade é ademais unha das beneficiarias da convocatoria deste ano, cun proxecto de igual presuposto que o anterior e que inclúe a substitución do pavimento con plaqueta e rodapé, e equipamento para cursos de cociña.

A directora xeral de Administración Local salientou a importancia de apoiar o asociacionismo local e de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade, coa que estas entidades contribúen á dinamización da vida social e cultural da contorna. Nesta liña, Natalia Prieto incidiu no compromiso que vén demostrando a Xunta desde 2016 coa creación do Plan específico de acción comunitaria, dotado con tres millóns de euros e ao que se suma cada ano un importante número de colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas.

Segundo indicou, na convocatoria deste ano houbo 304 entidades beneficiarias desta medida. A maioría delas son da provincia de Pontevedra, con 174 que se repartirán máis de 1,8 millóns de euros. Canto ao tipo de colectivo, as asociacións veciñais son as que porán en marcha máis proxectos, con 171 beneficiarias e un investimento superior aos 1,5 millóns de euros.

Apoio ao eido local

Para a directora xeral, a boa acollida que rexistra cada ano esta medida entre os colectivos que pon de manifesto a súa importancia no eido local. A través dela destínanse 2,5 millóns de euros para facilitar a execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Cos 500.000 euros restantes finánciase a adquisición do equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutros recursos para actividades específicas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023