O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o centro de protección de menores de Miño

A Xunta destaca a importancia de previr e identificar situacións de desprotección de nenos e adolescentes

A prioridade do sistema autonómico de protección é conseguir a permanencia do menor no seo familiar ou, de non ser posible, a súa integración nunha familia de acollida ou de adopción

Miño (A Coruña), 4 de outubro de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, subliñou hoxe a importancia de seguir traballando na prevención e identificación de situacións de desprotección de nenos e adolescentes. Así o manifestou tras visitar o centro de menores María Inmaculada de Miño.

O director xeral apoiou o traballo que se realiza neste centro, que acolle a menores que están baixo a tutela ou en garda da Administración autonómica. Ademais, destacou que o obxectivo central da Xunta é conseguir o seu pleno desenvolvemento persoal e social.

Así mesmo, Jacobo Rey explicou que a meta final de todas as accións que se levan a cabo no marco do sistema autonómico de protección ten que ser conseguir a permanencia do neno no seo familiar ou, no caso de non ser posible, a súa integración nunha familia de acollida ou de adopción.

Data de actualización: 04/10/2023