Rivo louva o proxecto de economía social Trasdeza Natur, asesorado no polo de emprendemento de Silleda e que protagonizará un calendario europeo

A consellería de Promoción do Emprego e igualdade, Elena Rivo, visitou esta empresa silledense no día no que os seus responsables foron fotografados pola Comisión Europea para servir de imaxe a un dos meses do vindeiro ano 2024

Trátase dun calendario temático que busca poñer en valor iniciativas financiadas con fondos Next Generation como esta vinculada ao Polo de Silleda, que produce e comercializa froita e produtos da horta deshidratados con enerxía solar

Silleda (Pontevedra), 4 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou esta tarde o proxecto de economía social Trasdeza Natur, co gallo de que os seus responsables foron fotografados para servir de imaxe a un dos meses do vindeiro ano 2024 nun calendario temático que elaborará a Comisión Europea con empresas financiadas con fondos Next Generation.

A conselleira aproveitou para poñer en valor esta firma asesorada no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Silleda, que produce froita e produtos da horta para comercializalos deshidratados despois dun proceso de deshidratación solar. Esta empresa precisamente foi unha das que coñeceu a semana pasada o comisario europeo de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit, na súa visita a este Polo.

Desde a súa posta en marcha en xullo do ano pasado, este Polo de emprendemento que presta servizo a 24 concellos leva atendido uns 135 proxectos e realizado 334 sesións de titorización. Actualmente é o único da provincia de Pontevedra pero antes de que remate o ano está previsto inaugurar dous novos no Porriño e en Vilanova de Arousa.

Os polos de emprendemento e apoio ao emprego -actualmente hai dez activos no conxunto da Comunidade- perseguen dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación. O obxectivo é acadar os 15 centros ao remate do ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023