Lete Lasa destaca a Carreira Pedestre Popular de Santiago como a festa da democracia do deporte na que participan nenos, adultos e maiores

Subliña a importancia de El Correo Gallego na xénese e no desenvolvemento desta proba e agradece o seu traballo

Lembra o bono deportivo que comezará a ser aplicado no vindeiro mes de xaneiro cun valor de 120 euros por fillo ou filla de entre 6 e 16 anos federados nalgunha disciplina deportiva ou participantes no Programa Xogade

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da 44ª edición da Carreira Pedestre Popular de Santiago á que definiu como “a festa da democracia do deporte na que participan, dende 1978, nenos e nenas, adultos e maiores correndo de xeito conxunto e contribuíndo á consecución desa Galicia activa e saudable na que traballa a Xunta de Galicia”.

 

Neste sentido, Lete Lasa destacou o Plan Galicia Saudable, ideado en 2011 para crear as condicións para que todas as persoas, sen excepción, que habitan en Galicia poidan adoptar un estilo de vida activo que favoreza a súa saúde. Unha iniciativa que afronta o reto de promover un modelo de vida máis activo e situar a actividade física como un instrumento fundamental para ter unha vida máis saudable. Dentro deste programa lévanse a cabo experiencias avaladas polos expertos nacionais e internacionais como a Plataforma DAFIS, dirixida a coidar a saúde dos máis cativos creando un diálogo entre o sector médico e o educativo e que xa se experimentou en grupos de idade avanzada. A día de hoxe xa se realizaron máis de 52.000 valoracións físicas aos alumnos galegos e galegas.

 

O mandatario galego subliñou a importancia de El Correo Gallego na xénese e no desenvolvemento desta proba e agradeceu o seu traballo que permite que en Galicia exista unha proba pola que xa pasaron nomes coma os dos olímpicos Delfín Moreira, Alejandro Gómez, Rosa Mota, Conceiçao Ferreira ou o gañador da Media Maratón de Nova York, Peter Kamais. Isto, dixo, fai que cada ano sexan máis persoas as que queren correr a Pedestre de Santiago e que tamén aumentan as cifras de menores na práctica deportiva. Deste xeito lembrou que o Programa Xogade, que xunta toda a actividade lúdica e deportiva, escolar e federada, para os nenos de entre 6 e 16 anos conta con máis de 135.000 mutualizados, o número máis alto da historia.

Bono deportivo

Ao fío do aumento da práctica deportiva nos menores galegos, o secretario xeral para o Deporte lembrou o bono deportivo da Xunta de Galicia que comezará a ser aplicado no vindeiro mes de xaneiro e que estará incluído nos Orzamentos de 2024 cun valor de 120 euros por fillo ou filla de entre 6 e 16 anos federados nalgunha disciplina deportiva ou participantes no Programa Xogade, para a compra de material e equipamento deportivo, ou actividades. O bono deportivo chegará a máis de 130.000 fogares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023