A Xunta presenta a nova Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral nada do consenso cos axentes sociais para un mercado laboral respectuoso, diverso e seguro

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou no acto de presentación que na elaboración do documento se tivo en conta a configuración do tecido empresarial, as peticións dos sindicatos e as achegas doutras áreas da Xunta

Puxo en valor que Galicia está a sentar as bases para crear contornas de traballo seguras, saudables e sustentables

A estratexia atende ás necesidades de enfrontar os riscos ante a transformación do mercado laboral e aborda, entre outras, a xestión preventiva no uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial, a Internet das cousas ou plataformas virtuais de traballo

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na presentación da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. O documento, elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), contou co consenso dos interlocutores sociais, algo que a representante autonómica quixo poñer en valor porque contribúe a fomentar un mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro.

Rivo subliñou que a nova estratexia tivo en conta no seu deseño a configuración do tecido produtivo galego -integrado de xeito principal por pemes e micropemes-, as peticións das entidades sindicais e as achegas doutras consellerías da Xunta.

O novo marco estratéxico nace para avanzar na consolidación da calidade do emprego. Galicia está a sentar as bases para crear contornos de traballo seguros, saudables e sustentables. O documento avoga por situar como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que sitúe no centro ás persoas.

A estratexia dá resposta a un contexto laboral en permanente transformación. Persegue facer fronte aos riscos derivados das novas formas de traballo. Adapta a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a Internet das cousas, os robots colaborativos ou ás plataformas dixitais de traballo.

A Xunta sentará as bases para abordar os riscos psicosociais vencellados co traballo e os danos nas persoas provocados polos accidentes laborais e enfermidades profesionais.

Tal e como recalcou Rivo, tamén se trata de reducir a sinistralidade en sectores con maior incidencia ou singulares, como son o dos coidados, pesca, construción, forestal ou naval.  

O novo marco permitirá o desenvolvemento ordeado e eficaz das políticas galegas en materia de prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo.  

Galicia dará a mellor resposta, no que a seguridade laboral se refire, á transformación ecolóxica, social e dixital actual. Suporá un salto cualitativo co que se está a sentar as bases da cultura do benestar laboral que asume como principio a perspectiva de xénero.

A estratexia terá en conta as necesidades dos colectivos vulnerables ante o traballo e o idadismo e a diversidade xeracional. Está dotada con 55,8 millóns de euros para o seu período de vixencia (2023-2027).

O Goberno galego avoga pola calidade das actuacións preventivas en pemes e micropemes e non se esquece de acompañar, nas medidas da estratexia, os traballadores autónomos para desenvolver as súas tarefas con seguridade e saúde.

A Xunta de Galicia impulsará no mesmo contexto a xeración de coñecemento e a sensibilización na cultura da prevención a personas traballadoras, empresarios e alumnado das diferentes etapas educativas.

Rivo agradeceu o consenso acadado na configuración do documento coa meta última de reducir a sinistralidade e mellorar as condicións de traballo a través da mellora da xestión preventiva. “Seguiremos sentándonos, dialogando e xerando debates construtivos coa sociedade para seguir avanzando na xeración dun mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro”, rematou a conselleira. “O traballo abre as portas do benestar e o benestar é imprescindible no traballo”, recalcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023