A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro co secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas

A Xunta confirma o novo retraso ata o 1º trimestre de 2024 dos trens Avril e solicítalle ao Ministerio de Transportes que concrete canto antes o número de convois que destinará

Confírmase que a dotación dos trens Avril se atrasa ata o 1º trimestre de 2024, cando estaban comprometidos xa para 2022 e a última data ofrecida pola ministra de Transportes era neste outono

A Xunta demanda concreción na dotación dos convois a Galicia, tendo en conta que hoxe non se trasladou esa información e que se estiman necesarios 7, ademais de información sobre as frecuencias que haberá desde cada cidade con Madrid

O Ministerio de Transportes confirma que non vai executar as variantes de Rubián e dos Peares, imprescindibles para achegar a alta velocidade a Lugo, nin ten previsións para non deixar illada a cidade de Ferrol do AVE

O Goberno galego urxe a reposición das frecuencias de tren suspendidas na pandemia, o aumento de prazas para atender a crecente demanda, a posta en marcha do plan de puntualidade previsto por Renfe e a renovación do material rodante obsoleto

Na reunión constatouse que haberá un retraso na presentación completa do Plan Director do Corredor Atlántico, que o Ministerio supedita agora á aprobación da revisión do regulamento por parte da Unión Europea

Madrid, 4 de outubro de 2023.- A Xunta confirmou hoxe o novo retraso ata o primeiro trimestre de 2024 da dotación a Galicia dos trens Avril e solicitoulle ao Ministerio de Transportes que concrete canto antes o número de convois previstos que se destinarán á comunidade.

 

A conselleira, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe un encontro co secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas. Tamén participaron na reunión o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio, Xavier Flores, e o comisionado do Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián.

 

Na xuntanza constatouse que a data para a posta en servizo dos trens de rodadura desprazable en Galicia apunta agora ao 1º trimestre do próximo ano, unha mala noticia tendo en conta que estaban previstos desde 2022 e a ministra de Transportes indicara recentemente que entrarían en funcionamento en outubro ou novembro deste ano.

 

O Executivo autonómico demandou que se axilice o proceso en todo o posible, se manteña ao galegos e á Xunta informados e se concreten os trens que se habilitarán e o número de frecuencias de conexión con Madrid desde cada cidade, tendo en conta que é necesaria a dotación de 7 convois para atender axeitadamente as demandas da comunidade.

 

En materia ferroviaria, a reunión de hoxe serviu para confirmar que o Ministerio de Transportes non ten previsto executar as variantes de Rubián e dos Peares, imprescindibles para mellorar os tempos de viaxe e achegar a Lugo á alta velocidade. Así mesmo, tamén se constatou que o Ministerio non ten programación para o AVE a Ferrol.

 

Durante a xuntanza, a Xunta reivindicou a urxencia de que o Executivo central mellore os servizos ferroviarios en Galicia, repoñendo a totalidade das frecuencias suspendidas na pandemia, aumentando a oferta de prazas e poñendo en marcha o plan de puntualidade comprometido por Renfe, ademais da renovación do material rodante obsoleto.

 

Corredor Atlántico de Mercadorías

Un dos asuntos prioritarios que se trataron esta mañá foi o Corredor Atlántico de Mercadorías, tendo en conta que hoxe foi primeira vez que a Xunta se puido reunir co Comisionado desde que foi nomeado en xaneiro, case nove meses despois.

 

A reunión serviu para constatar que haberá un retraso na presentación completa do Plan Director do Corredor Atlántico, xa que o Ministerio o supedita agora á aprobación da revisión do regulamento por parte da Unión Europea, que está en marcha.

 

O Goberno galego reclamou que no marco da elaboración do Plan Director do Corredor Atlántico se consideren as actuacións que as comunidades do noroeste identificaron como prioritarias: con especial atención á Saída Sur de Vigo e á conexión con Portugal. 

 

Galicia, Asturias e Castela e León veñen reivindicando un maior impulso do Corredor Atlántico, tendo como referencia o Corredor Mediterráneo. Para isto a Xunta estima necesario que o Goberno de España realice un investimento de 8.000 M€ no Corredor Atlántico noroeste, una cifra lonxe dos 1.300-1.400 M€ comprometidos polo Executivo central.

 

A situación dos viadutos do Castro na A-6 tamén foi outro dos asuntos abordados. O Ministerio prevé poder abrir o viaduto en sentido Madrid antes de que finalice o ano, unha data que a Xunta considera axustada. En relación ao outro viaduto, en sentido A Coruña, a previsión ofrecida hoxe por responsables do Ministerio de Transportes é que se poida poñer en servizo ao longo do vindeiro ano.

 

A este respecto, o Goberno galego reclamou máxima axilidade nos traballos e que traslade información oficial de xeito periódico, por ser unha infraestrutura fundamental de acceso a Galicia. Ademais pediu que se activen as medidas para garantir a seguridade dos condutores e facilitar o traballo dos transportistas durante a vialidade invernal.

 

Tamén se lle solicitou ao Goberno de España un esforzo de axilización e desbloqueo nas autovías pendentes: a A-54, a autovía Vigo-O Porriño, a da Mariña, a autovía Ourense-Ponferrada ou a autovía Lugo-Ourense.

 

Ademais, a Xunta demandou información sobre as previsións de como quedarán as peaxes das autoestradas estatais AP-9 e da AP-53 co inicio do ano e lembrou a demanda de que se apliquen as mesmas bonificacións na autoestrada Santiago-Dozón das que se están a aplicar xa na autoestrada do Atlántico.

 

Por último, o Goberno galego manifestou, unha vez máis, o interese pola transferencia da AP-9 á comunidade, e pediu que se facilite a tramitación no Congreso da Proposición de Lei que tramita nestes momentos a Cámara galega.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023