A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o Concello de Coristanco

A Xunta destaca que o 94 % da poboación galega disporá dun punto limpo a menos de 10 minutos do seu domicilio

Ángeles Vázquez avanza que o Concello de Coristanco recibirá 285.000 € ao abeiro da liña de axudas para a construción por parte das entidades locais de novos puntos limpos fixos, cuxa resolución sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia

Pon en valor a importancia destas instalacións que evitan que residuos susceptibles de ser reciclados acaben en vertedoiros ou puntos incontrolados de vertido

Coristanco (A Coruña), 4 de outubro de 2023

A Xunta destaca que o 94 % da poboación galega disporá dun punto limpo a menos de 10 minutos do seu domicilio grazas ás 167 instalacións fixas e ás máis de 170 móbiles das que disporá a Comunidade, segundo explicou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Nesa liña, a vicepresidenta segunda avanzou hoxe durante unha visita ao concello de Coristanco que este municipio recibirá preto de 285.000 euros ao abeiro da liña de axudas convocadas pola Xunta este ano 2023 para a construción por parte das entidades locais de novos puntos limpos fixos, cuxa resolución sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia.

 

Logo de explicar que o Goberno galego financiará o 90 % do proxecto e o 10 % restante corresponde ao Concello, Ángeles Vázquez puxo en valor a importancia destas instalacións que evitan que residuos susceptibles de ser reciclados acaben en vertedoiros ou puntos incontrolados de vertido.

 

En relación á orde de axudas para apoiar ás entidades locais na construción de novos puntos limpos fixos, financiadas con cargo a fondos propios da Comunidade e do programa comunitario Next GenerationUE, cómpre precisar que entre as actuacións e conceptos subvencionables figuran, entre outros, a adquisición de contedores e gaiolas para almacenar as distintas fraccións; básculas de pesada de entradas e saídas de residuos; os labores de acondicionamento do terreo; as cubertas para zonas de almacenamento de materiais que pola exposición ao sol e á auga se vexan prexudicados para a súa reciclaxe ou valoración posteriores; ferramentas informáticas, etc.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023