A Xunta aposta por estender a transición enerxética ás cidades galegas para que sexan máis sustentables

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, estivo na apertura do simposium ‘Urban Solutions’, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal)

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Santiago de Compostela na apertura do simposium Urban Solutions, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), onde apostou por estender a transición enerxética ás cidades galegas para que poidan gañar en sustentabilidade.

O director xeral incidiu no compromiso da Xunta de Galicia por impulsar unha transición enerxética ordenada e planificada, con actuacións quer permitan implantar enerxías renovables e aumentar a eficiencia enerxética pero que, á vez, teñan unha clara compoñente social. Deste xeito, avogou por que nesta transición se aposte pola reconversión e reindustrialización das zonas afectadas, mantendo o emprego.

Porén, Pablo Fernández Vila explicou que esta transición, ademais de ter en conta o ámbito industrial, non debe esquecer aspectos como o transporte ou a edificación. E referiuse, especialmente, á importancia de facer partícipes deste cambio ás cidades galegas, incidindo en cuestións enerxéticas, mellora de iluminación, mobilidade eficiente ou mellores infraestrutruas, cuestións que, ademais de contribuír á loita contra o cambio climático, permiten a mellora da calidade de vida da veciñanza.

Neste sentido, a Xunta axuda ás entidades locais con programas de mobilidade sustentable, eficiencia enerxética en infraestruturas públicas ou co fomento dunha xestión conxunta da electricidade.

Noite Enerxética

No marco deste simposium, o Hostal dos Reis Católicos acollerá hoxe a celebración da Noite enerxética, á que asistirán tanto o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, como o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández López; a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

No transcurso deste evento, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, recollerá o premio outorgado por Cluergal á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pola construción de dúas centrais de biomasa para dar servizo a centros educativos en Lugo e Lalín. Estas instalacións foron recoñecidas polo Clúster como actuacións sobranceiras no ámbito da enerxía en Galicia durante o 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023