Diego Calvo reafirma o compromiso da Xunta na loita contra o narcotráfico nunha xornada sobre a materia celebrada na Academia Galega de Seguridade Pública

A Estrada (Pontevedra), 4 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) con motivo da celebración da Xornada sobre narcotráfico, violencia e crime organizado. Situación actual en Europa, España e Galicia. O encontro organizado en colaboración coa Fundación Galga contra o Narcotráfico xunta preto de 250 profesionais das forzas e corpos de seguridade, do Ministerio Fiscal, a xudicatura e vixilancia aduaneira, entre outros, aos que Diego Calvo manifestou o compromiso do Goberno galego co seu labor.

 

O vicepresidente primeiro agradeceu a implicación do persoal destas áreas na loita contra uns delitos que supoñen ”unha gran preocupación social, un problema de seguridade de primeira orde e poñen en risco o benestar social”. Diego Calvo referiuse tamén ao apoio da Xunta á Fundación Galega contra o Narcotráfico a través dos convenios para o funcionamento do Servizo de Xestión de Bens Intervidos ao Narcotráfico ou para o desenvolvemento de actividades formativas e divulgativas como a de hoxe, entre outras medidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023