Comezan hoxe as obras de construción do novo edificio xudicial da Estrada, nas que a Xunta inviste case 2,8 M€

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou a parcela A Baiuca onde se reunificarán nun só inmoble cunha superficie de máis de 1.400 metros cadrados os dous xulgados da localidade

Diego Calvo destacou que no novo inmoble apostarase pola sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a accesibilidade ademais de contar con espazos como dúas salas de vistas, unha sala Gesell e outra de atención ás vítimas e unha de lactación

A Estrada (Pontevedra), 4 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Primeira, Elena Muñoz, e do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe, coincidindo co inicio das obras, a parcela A Baiuca da Avenida da Torre da Estrada cedida polo concello para acoller o novo edificio xudicial da localidade. A Xunta investirá neste inmoble case 2,8 millóns de euros co obxectivo de dotar á veciñanza dunhas instalacións modernas garantindo un servizo de calidade.

 

Así, lembrou que tras a licitación o pasado maio e a sinatura do contrato coa empresa adxudicataria a finais de agosto dáse un paso máis para reunificar nun só inmoble dunha superficie de máis de 1.400 metros cadrados os dous xulgados de Primeira Instancia que se atopan na Avenida Benito Vigo: o número 1 situado nun edificio propiedade da Xunta e o número 2 nunhas instalacións de titularidade municipal.

 

Diego Calvo explicou que o novo edificio enmarcase no Plan de Infraestruturas Xudiciais da Xunta para dotar de novos espazos xudiciais ou renovar os xa existentes. Ademais, sinalou, cumpre coa aposta da Goberno galego por reunificar nun mesmo edificio integrado na contorna todos os xulgados da localidade. En cumprimento tamén do Plan de Xustiza 2030 situaranse todas as dependencias nun só andar con espazos independentes como unha sala Gesell para a toma de declaracións para testemuñas vulnerables, así como outras 2 salas de vistas e salas de atención á vítima, de videoconferencias, de informática, multiusos e de lactación. Tamén acollerá o decanato, o Rexistro Civil, os despachos para o Imelga e a Fiscalía, áreas para avogados e procuradores e 4 arquivos, 2 deles para pezas de convicción. 

 

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, no novo edificio xudicial da Estrada primarase a eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a accesibilidade para ofrecer unhas instalacións axeitadas tanto aos 18 profesionais que traballarán nos novos xulgados -2 xuíces, 2 letrados da Administración de Xustiza, 12 funcionarios e 2 axentes de seguridade- como ás persoas usuarias que acudan aos xulgados. Trátase, en definitiva, de avanzar cara “unha xustiza máis operativa, eficaz e eficiente”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023