A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe en Ponteareas o lugar que acollerá a nova sede deste servizo para a atención a nenos de ata 6 anos con problemas de desenvolvemento

A Xunta destina máis de 12 M€ para reforzar a rede galega de atención temperá

Galicia contará con 46 unidades en funcionamento este mesmo exercicio coa apertura desta futura unidade en Ponteareas

Ponteareas (Pontevedra), 4 de outubro de 2023

A Xunta destina máis de 12 millóns de euros para mellorar e seguir ampliando a Rede galega de atención temperá, que contará con 46 unidades en funcionamento por toda a comunidade este mesmo exercicio de 2023. Así o destacou a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que hoxe visitou en Ponteareas o lugar no que abrirá unha nova sede para este servizo, no que se atende a nenos de ata 6 anos para previr e actuar ante problemas de desenvolvemento.

A visita de Fabiola García coincide coa publicación o pasado luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución dunha nova orde de axudas para a creación de unidades de atención temperá. A través desta orde, a Xunta abrirá un novo centro en Ponteareas con máis capacidade e mellorará as condicións das unidades xa en funcionamento para que poidan ampliar tamén o servizo e contratar máis persoal.

A conselleira subliñou a importante aposta pola consolidación, ampliación e mellora da Rede galega de atención temperá. No ano 2009 existían na nosa comunidade tan só dúas unidades que daban cobertura a 15 municipios e este ano 2023 rematará con 46 unidades abertas que atenderán a máis de 200 concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023