A Xunta e o sindicato SUP reclaman ao Goberno central cubrir as vacantes da Policía Autonómica

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse cos máximos responsables en Galicia da organización sindical

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, mantivo hoxe unha reunión co secretario federal territorial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, Roberto González, e o secretario provincial da organización na Coruña, Abel Lobato, na que coincidiron en reclamar ao Goberno central que cubra as vacantes na Policía Autonómica co obxectivo de garantir o benestar e a seguridade da cidadanía, xa que as Administracións están na obriga de dotar ás unidades policiais dos medios que precisan para levar a cabo o seu labor.

 

Nesta liña, a Xunta lembra que é o Executivo estatal o que ten que completar o cadro de persoal da UPA, que actualmente ten un déficit de case o 30% con 355 funcionarios dun catálogo de 500 policías. A Xunta xa solicitou ante o Goberno central, en diversas ocasións, a necesidade de completar o cadro de persoal da Policía Autonómica. En concreto, precisaríanse 145 axentes máis.

 

O déficit dáse en todas as sedes da Policía Autonómica na comunidade, de maneira que en cada unha debería haber 50 axentes e na de Santiago 250. Actualmente, na capital galega traballan 161, o que supón un 35% menos do que lle correspondería, mentres que no resto faltan entre un 20% e un 30% de postos por cubrir cun cadro actual de 40 efectivos en Pontevedra, a mesma cifra que en Ourense, 39 en Lugo, 38 en Vigo e 37 na Coruña.

Cómpre recordar que o número de efectivos deste corpo veu descendendo nos últimos anos debido a xubilacións e traslados, a pesar de que se foron incrementando as súas tarefas. Ás súas funcións habituais en materia de seguridade, súmanse outras relacionadas coa protección do medio ambiente e do patrimonio cultural, a prevención e investigación de incendios, a loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal, a protección de menores e de vítimas de violencia de xénero, ou a vixilancia das rutas do Camiño de Santiago e a atención aos peregrinos.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023