A Xunta convida a celebrar o irmandamento co camiño xaponés Kan-Non cun recital de piano e unha exposición

A Igrexa de San Martiño Pinario acollerá o venres a actuación gratuíta da pianista Mine Kawakami que estará acompañada cos cantos budistas de Hendo Okamura

Tamén se inaugurará unha pequena mostra fotográfica que reflicte as similitudes e rituais comúns deste itinerario de peregrinación budista co Camiño de Santiago

Desde hoxe, unha delegación de xaponeses está a coñecer sobre o terreo co apoio da Xunta a ruta xacobea dentro dos actos de conmemoración da súa alianza

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

A Xunta de Galicia convida a celebrar o irmandamento entre o camino de peregrinación xaponés Kan-Non e o Camiño de Santiago, coa organización de distintas actividades abertas ao público que incluirán un recital de piano e unha exposición fotográfica.

Así, o venres ás 19,00 horas, a Igrexa do Mosteiro de San Martiño Pinario acollerá o recital de piano da compositora Mine Kawakami, que terá como artista convidado ao organista Adrián Regueiro. Durante o concerto realizarase unha homenaxe á tradición e rituais deste camino xaponés e incluirá cantos budistas a cargo de Hendo Okamura. A entrada será libre ata completar a cabida da igrexa.

Tamén desde o venres e ata o 5 de novembro, a Hospedería de San Martiño Pinario acolle a exposición Os Camiños de Kan-Non e Santiago. Espiritualidade e Cultura, tamén organizada pola Xunta de Galicia. Está composta por preto de 40 fotografías que afondan nas similitudes e rituais común entre entre o Camiño Kan-Non, o Kumano Kodo e o Camiño de Santiago.

Xunto a estas actividades gratuítas e abertas ao público, a Xunta de Galicia está a impulsar desde hoxe e ata o venres unha viaxe por distintos lugares do Camiño de Santiago a unha delegación xaponesa que coñecerá así sobre o terreo a ruta xacobea. Trátase dunha visita de cortesía integrada por unha ducia de representantes dos templos, impulsores deste itinerario de peregrinación e integrantes do Consello para a Promoción dos Patrimonios de Xapón, que visitarán O Cebreiro, Lugo, Santiago de Compostela, Fisterra e Muxía.

Estreitos lazos entre Xapón e Galicia

A visita desta delegación dá continuidade á relación establecida entre Xapón e Galicia, que manteñen estreitos lazos a través do Camiño de Santiago, primeiro a través do Kumado Kodo, con quen se asinou o primeiro irmanamento en 1998, e logo co Kan-Non cuxo irmandamento foi o resultado de encontros previos entre o máximo responsable do templo budista Kan-non Sttoj e representantes de Turismo de Galicia.

O Camiño Kan-Non está considerado o itinerario de peregrinación máis antigo de Xapón. Atravesa diversas perfecturas, incluídas Osaka e Kyoto, e percorre un total de 33 templos dedicados á divinidade budista Kan-non.  Os peregrinos que percorren as rutas que unen os templos levan consigo un documento, coñecido como Nokyocho, no que se van colocando 33 selos, un con cada templo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/10/2023