O presidente da Xunta visitou as instalacións da empresa Torre de Núñez en O Corgo (Lugo)

Rueda destaca a aposta da Xunta por consolidar Galicia como un referente na produción de carne coa Estratexia de dinamización do sector cárnico

Apunta que o Goberno galego levará a cabo unha serie de medidas ata 2030 para axudar tanto aos gandeiros como ás industrias a incrementar a competitividade, a sustentabilidade e a internacionalización
 

Salienta que o cárnico constitúe un sector estratéxico xa que achega o 34 % do valor da produción final agraria e xera preto de 6.000 empregos
 

Felicitou a Torre de Núñez pola súa aposta por medrar cando se cumpre unha década da instalación do novo secadoiro de xamóns que contribuíu ao crecemento desta empresa
 

O Corgo (Lugo), 3 de outubro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe ao sector cárnico como un dos motores da economía, especialmente no rural, e reafirmou a aposta da Xunta por consolidar a comunidade como un referente desta industria a través dunha Estratexia de dinamización propia.

A este respecto, e nunha visita ás instalacións da empresa Torre de Núñez na que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, Rueda indicou que o obxectivo pasa por situar Galicia como unha rexión clave na produción de carne, cun alto nivel de competitividade e dun xeito sostible.

Por iso, tal e como apuntou, o Goberno galego levará a cabo unha serie de medidas ata 2030 para axudar tanto aos gandeiros como ás industrias a mellorar a competitividade; a ser máis sustentables desde o punto de vista ambiental, social e económico; e a impulsar unha maior internacionalización.

Neste sentido, o titular da Xunta asegurou que o cárnico constitúe un sector estratéxico xa que achega o 34 % do valor da produción final agraria e xera case 6.000 empregos. Así, destacou que Galicia é sinónimo de produtos cárnicos de calidade grazas ao traballo e esforzo diario que se realiza nas máis de 43.000 explotacións e 190 industrias de transformación que hai na comunidade.

A este respecto, agradeceu o labor de todas elas e felicitou a Torre de Núñez pola súa aposta por medrar cando se cumpre unha década da instalación do novo secadoiro de xamóns que contribuíu ao crecemento desta empresa. Unha aposta que actualmente se incrementa coas innovacións e melloras que a empresa lucense acaba de incorporar á súa planta no Corgo. 

Alfonso Rueda puxo á compañía como exemplo do compromiso pola innovación, a evolución e a aposta pola internacionalización que ten o sector cárnico galego, ao tempo que significa un compromiso polo territorio aínda que xa ten presenza en 25 países. Un éxito, asegurou, marcado pola adaptación aos novos tempos sen perder as orixes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023