Esta semana comezan as celebracións do irmandamento do camiño xaponés Kan-Non e a Ruta xacobea

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa hoxe na Embaixada de Xapón no arranque dos actos para conmemorar a alianza entre ambos itinerarios

Unha delegación xaponesa visitará desde o mércores algúns enclaves icónicos do Camiño de Santiago en Galicia e farán un tramo da ruta xacobea a pé

Madrid, 2 de outubro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na Embaixada de Xapón en Madrid no arranque dos actos de irmandamento entre o itinerario xaponés Kan-Non e o Camiño de Santiago, que esta mesma semana chegarán tamén a Galicia.

 

Coa presenza do embaixador xaponés, Takahiro Nakamae, as actividades celebradas en Madrid serviron para comezar a conmemorar en España a alianza entre ambas rutas de peregrinación que xa fora formalizada en Tokio a principios deste ano. Trátase dun acordo que foi o resultado de encontros previos entre o máximo responsable do templo budista Kan-non Sttoj e representantes de Turismo de Galicia.

 

O Camiño Kan-kon está considerado o itinerario de peregrinación máis antigo de Xapón. Ten a súa orixe no século VIII e se estende aproximadamente ao longo de 1.000 quilómetros na rexión occidental da maior illa de Xapón. Atravesa diversas perfecturas, incluídas Osaka e Kyoto, e percorre un total de 33 templos dedicados á divinidade budista Kan-non.

 

Declarada Patrimonio de Xapón

Os peregrinos que percorren as rutas que unen os templos levan consigo un documento, coñecido como Nokyocho, no que se van colocando 33 selos, un con cada templo. Foi declarada Patrimonio Cultural de Xapón no ano 2019 e tamén integra parte do coñecido como Camino Kumano.

 

Para seguir celebrando o seu irmandamento co Camiño de Santiago, as actividades traladaranse a partir do mércores a Galicia, cando unha delegación xaponesa viaxe a Galicia para coñecer sobre o terreo a peregrinación a Santiago de Compostela. En concreto visitarán algúns lugares da ruta xacobea como O Cebreiro, Lugo, Fisterra e Muxía e realizarán o último tramo do Camiño de Santiago a pé desde o Monte do Gozo ata a Catedral de Santiago de Compostela. Programaranse, ademais, distintas actividades musicais e culturais abertas ao público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023