O presidente da Xunta interveu hoxe na inauguración da XXIV edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar)

Rueda ve no éxito de Conxemar a proba da importancia de Galicia no sector de transformación dos produtos do mar e garante o apoio da Xunta ante os seus retos

Salienta o papel da Lei de Ordenación do Litoral para compatibilizar e preservar a sustentabilidade medioambiental da costa coa vida económica

Compromete o apoio do Goberno galego contra medidas que “non son xustas”, en referencia á veda da pesca de arrastre de fondo

Reclama a redución ou eliminación do IVE en alimentos como o peixe e conservas e un Perte específico para as empresas pesqueiras
 

Vigo, 3 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou hoxe que o éxito de Conxemar supón a proba da importancia de Galicia no sector da transformación de produtos do mar e amosou o compromiso de apoio económico e institucional do Goberno galego ante os novos retos aos que se enfronta.

 

“Somos perfectamente conscientes da importancia deste sector, que fai Marca Galicia en Europa e en todo o mundo”, manifestou Rueda no acto de apertura da vixésimo cuarta edición desta feira, celebrada no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). O mandatario galego erixiu Conxemar como o “mellor lugar do mundo” para falar dos asuntos que lle importan e preocupan a este sector, “e que Goberno galego toma moi en serio”, asegurou, xa que Galicia é a comunidade con máis peso no sector do conxelado, aglutinando o 34,2 % das empresas (263).

 

Así, Rueda garantiu a total unión e apoio da Xunta coa Administración central e co sector ante a medidas que considerou que “non son xustas”, en referencia á veda de pesca de arrastre de fondo por parte da Unión Europea. Ao respecto, defendeu a aposta por unha pesca sustentable con “medidas ecuánimes” que permitan preservar e protexer o medio mariño, á vez que a vida económica “que ten que ser tida en conta”.

 

Importancia da Lei de Ordenación do Litoral de Galicia

Neste senso, puxo en valor a Lei de Ordenación do Litoral de Galicia, da que explicou que procura, precisamente, compatibilizar e preservar a sustentabilidade medioambiental da costa galega coa vida económica que depende dela, “que ten que seguir medrando como ata agora”, incidiu.

 

De igual xeito, amosou o compromiso da Xunta en reclamar a redución ou eliminación do IVE en alimentos como o peixe e conservas. “É necesario facelo e canto antes”, reclamou, á vez que defendeu un Perte específico dirixido ás empresas do sector da pesca. Neste senso, considerou unha “magnifica noticia” o compromiso do Goberno central con esta medida e adiantou que, de levarse a cabo, contará coa colaboración da Xunta para “levalo a bo porto”.

 

Na súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que esta nova edición de Conxemar se celebra nun IFEVI máis amplo, tras a inversión da Xunta de máis de 8, 3 millóns de euros para contar cunha nova superficie construída de máis de 6.500 metros cadrados. “Fixemos un esforzo importante”, aseverou. No entanto, amosou a receptividade do Goberno á reivindicación de “necesidade de seguir medrando. “Estaremos á altura como estivemos ata agora”, engadiu.

 

A ampliación actual permitiu que o número de expositores medrase un 11,4 % máis ata acadar 754 empresas procedentes de 45 países, o que supón acadar este ano a cifra máis alta de superficie e expositores de toda a súa historia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023