O proxecto europeo Navegando o Futuro divulga as novas tecnoloxías aplicadas ao naval entre 140 alumnas e alumnos

A iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, conclúe despois de tres meses de actividade con oito sesións demostrativas dirixidas a estudantes e dúas xornadas de formación para pemes

A iniciativa conta coa colaboración do clúster Aclunaga e o centro tecnolóxico CATIM e busca consolidar a transición tecnolóxica no sector naval da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante o fomento da innovación

Ferrol, 3 de outubro de 2023 Máis de 140 alumnos de educación superior de Galicia e o norte de Portugal participaron nas oito sesións demostrativas do proxecto europeo Navegando o Futuro, que conclúe despois de tres meses de actividade centrada na divulgación de novas tecnoloxías aplicadas ao sector naval para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre este colectivo.

Ademais, durante este tempo 30 responsables de compras de pemes da industria naval da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal tiveron a oportunidade de formarse con carácter gratuíto, a través de dous bootcamps, na adquisición de tecnoloxías avanzadas para mellorar os seus procesos produtivos. Nestas xornadas, dirixidas a empresas auxiliares do naval e da industria metalomecánica, impartíronse distintos contidos formativos, accesibles a través dunha plataforma en liña. Estas guías técnicas afondan en distintas tecnoloxías 4.0 que marcarán o futuro do naval: soldadura robotizada, realidade aumentada, lubricación hidrodinámica, fabricación aditiva, materiais avanzados, mecanizado robotizado, intelixencia artificial, Internet of Ships (IoS), fábrica virtual e control dimensional sen contacto.

Navegando o Futuro está impulsado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, e financiado por fondos FEDER no marco do programa POCTEP 2014-2020. Conta coa colaboración da Asociación Clúster Naval Galego (Aclunaga) e o Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica (CATIM) e o seu principal obxectivo é promover a innovación e consolidar a transición tecnolóxica desta industria na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

No marco desta iniciativa, Aclunaga acudiu ao II Navalia Meeting, un encontro empresarial organizado pola Feira Internacional de Industria Naval de Vigo, celebrado do 20 ao 22 de setembro nas Palmas de Gran Canaria. Trátase da primeira edición deste evento que sae de Galicia para promocionar o sector entre os principais estaleiros e empresas nacionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023