A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e representantes do Colexio de veterinarios de Ourense reuníronse para analizar a norma

A Xunta esixe que os orzamentos do estado inclúan fondos para que comunidades e concellos poidan asumir as novas obrigas impostas pola Lei de Benestar Animal

Ángeles Vázquez lamenta a falta de diálogo do Goberno central na elaboración dunha norma que sufriu ata 7 vetos nas Cortes e que entrou en vigor sen dotación orzamentaria e supeditada a un desenvolvemento regulamentario aínda sen data

Advirte de que con este novo marco legal, que impón múltiples esixencias aos propietarios e sancións elevadas, poden crecer os abandonos e baixar as adopcións

Ourense, 3 de outubro de 2023

A Xunta esixiu hoxe que os orzamentos do Estado para o próximo ano inclúan partidas específicas para que tanto as comunidades autónomas como especialmente os concellos poidan facer fronte ás novas obrigas que terán que asumir coa Lei de protección dos dereitos e o benestar dos animais.

Cinco días despois da entrada en vigor da normativa estatal, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuníronse esta mañá con representantes do Colexio Oficial de Veterinarios da provincia para analizar o contido da nova lei e algunhas das principais repercusións que terá a efectos prácticos.

Neste sentido, a vicepresidenta lamentou que o Goberno central “cargue” a outras administracións con moitas “responsabilidades e gastos” a través da imposición de toda unha serie de obrigas, algunhas novas e outras ampliadas, pero que non veñen acompañadas en ningún caso da correspondente dotación orzamentaria.

A modo de exemplo, referiuse á creación de cinco rexistros que terán que asumir os Gobernos autonómicos ou ás “gardas de 24 horas” que deberán garantir as entidades locais para poder cumprir coa recollida, tratamento e atención permanente dos animais que se abandonen nos seus termos municipais, ademais de xestionar as colonias felinas, encargándose da esterilización e microchipado dos gatos que formen parte delas.

Cómpre lembrar que a Xunta fai un esforzo desde hai anos para apoiar ás protectoras e ás entidades locais no labor que realizan neste eido, destinando desde 2017 un importe de case 2 millóns de euros a través das sucesivas ordes de axudas que convoca para financiar os gastos que asumen a diario para o coidado, a atención e a manutención dos animais domésticos abandonados e que teñen ao seu cargo.

Por iso, a vicepresidenta insistiu na necesidade de valorar o custo económico que supón a nova lei e, sobre todo, consignar a nivel estatal as partidas necesarias nos orzamentos de 2024 para que os Gobernos autonómicos e, especialmente, as entidades locais poidan cumprir coas obrigas impostas pola súa entrada en vigor.

Así, lembrou que a norma de benestar animal recibiu “máis de 6.000 alegacións” e ata 7 vetos durante a súa tramitación parlamentaria, entrando en vigor o pasado venres 29 de setembro “sen dotación orzamentaria” e supeditada a un desenvolvemento regulamentario aínda sen data, polo que esixiu ao Executivo central claridade e explicacións sobre a súa aplicación.

Esta imprevisión vinculouna tamén coa falta de diálogo que marcou o proceso de elaboración da norma desde o principio, que foi, en opinión de Ángeles Vázquez, “a antítese do que debe facerse”, xa que non se buscou dialogar nin coas comunidades autónomas nin cos distintos colectivos profesionais implicados na materia.

“Lonxe de protexer vai haber un abandono destes animais”, advertiu a vicepresidenta, que se referiu neste sentido ás múltiples esixencias impostas aos propietarios e a un réxime sancionador con multas moi elevadas que, na práctica, pode provocar “o efecto contrario” ao que se persegue, provocando que aumenten os abandonos de mascotas e desanimando aos cidadáns á hora de apostar polas adopcións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023