Xunta e Colexio Profesional de Informática colaboran para dotar á comunidade educativa de novas ferramentas para o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías

O conselleiro de Educación e o presidente da entidade asinan un convenio para o desenvolvemento da duodécima edición do programa ‘Navega con Rumbo’

A iniciativa enmárcase dentro dos obxectivos da Estratexia Educación Dixital 2030 de abordar a transformación dixital como un medio de apoio á aprendizaxe

O programa achegará a 240 centros de ensino claves cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para desenvolver durante o presente curso escolar o programa Navega con rumbo, que chegará a 240 centros educativos de toda a Comunidade.

Esta colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por avanzar na transformación dixital da educación tendo en conta como unha das prioridades o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías. Isto é, tal e como se recolle na Estratexia Educación Dixital 2030, que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe.

Neste obxectivo enmárcase esta iniciativa, encamiñada, por unha banda, ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica, para guialos cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.

Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en colexios e institutos. Ademais, o programa dispón dunha páxina web asociada ao proxecto e unhas guías de boas prácticas en internet dirixidas ao alumnado, proxenitores ou titores, e ao profesorado accesibles tanto en soporte dixital como en formato impreso nos propios centros escolares.  

Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con rumbo leváronse a cabo máis de 2.000 accións formativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023