A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá o centro coruñés O Ventorrillo

A Xunta destina 200.000 € a mellorar a rede de escolas infantís públicas autonómicas da cidade da Coruña

Os centros nos que se realizarán estas obras son: O Ventorrillo, Elviña, As Mariñas, Oza, Eirís, Monte Alto e a Sardiñeira

O Goberno galego facilita o acceso dos pais a unha escola infantil a través da gratuidade de todos os centros galegos, independentemente da súa titularidade

A Coruña, 2 de outubro de 2023 A Xunta destina este ano 200.000 euros a obras de mellora nas sete escolas infantís da rede pública autonómica da cidade da Coruña. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou esta mañá o centro de O Ventorrillo no que se realizará unha renovación de portas, persianas e outros elementos interiores que permitan incrementar a comodidade dos usuarios. Os outros centros nos que se realizarán obras de mellora son a de Elviña, As Mariñas, Oza, Eirís, Monte Alto e a Sardiñeira.

A conselleira lembrou que a Xunta aposta pola etapa 0 a 3 anos facilitando o acceso de todos os pais a unha escola infantil, ampliando os centros e renovando e actualizando as instalacións da rede pública autonómica. Neste sentido, concretou a posta en marcha de medidas como a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, que beneficia a máis de 31.000 familias de toda Galicia.

Así mesmo, tamén sinalou que a Xunta favorece a creación ou ampliación de escolas infantís de titularidade municipal a través dunha orde de axudas específica dotada con 34 millóns de euros e tamén impulsa programas innovadores para a atención dos máis pequenos. Neste centro de O Ventorrillo lévase a cabo o proxecto Eco comedor, que permite ofrecer alimentación saudable e de proximidade aos nenos da escola infantil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023