A conselleira de Política Social e Xuventude destacou o importante traballo desta entidade na investigación sobre as enfermidades neurodexenerativas

Fabiola García visita as novas instalacións da fundación Degén cedidas pola Xunta na Casa do Mar da Coruña

Destináronse 83.000 euros á reforma, acondicionamento e equipamento das dependencias que funcionan como sede administrativa e de xestión da fundación

A Coruña, 2 de outubro de 2023

A Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, reiterou hoxe o apoio da Xunta de Galicia á Fundación Degén na súa loita contra as enfermidades neurodexerativas. Fíxoo durante unha visita ás novas instalacións que a Fundación ten na Casa do Mar, na que destacou o importante traballo que realiza esta entidade no eido da investigación.

A Xunta cedeu á Fundación Degén un espazo na Casa do Mar para acoller a súa sede administrativa e de xestión, que ata agora non tiña e desde a que apoiará os proxectos de investigación médica que desenvolve nos centros hospitalarios. Estas novas instalacións contan con oficina, sala de reunións e biblioteca, e para poñelas en marcha a entidade contou cunha axuda da Administración autonómica de preto de 83.000 euros para a súa reforma, acondicionamento e equipamento. 

O Goberno galego traballa na atención das persoas con demencias neurodexenerativas con máis servizos adaptados ás súas necesidades. A nosa comunidade é a única que conta cunha rede autonómica de centros de alzhéimer e desde o ano 2009 duplicáronse o número de prazas de atención diúrna especializados nesta doenza, ata superar na actualidade as 500.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023