A delegada da Xunta recibe á directiva da sociedade Jules Verne de Vigo

Ana Ortiz mantivo unha xuntanza cos responsables da asociación viguesa, que organizará o V Congreso Internacional Jules Verne

Vigo, 2 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, recibiu este luns á directiva da Sociedade Jules Verne de Vigo. O presidente do asociación, Eduardo Rolland, e o secretario, Julio Ástor, explicaron á representante autonómica as actividades que teñen proxectadas de forma inminente, como o ‘Café con Verne’ no buque de vapor ‘Hidria II’ e o “Roteiro Verniano” en Vigo os días 6 e 7 de outubro.

 

Ademais, tamén informaron que Vigo organizará no vindeiro ano 2028 o V Congreso Internacional Jules Verne, que coincidirá co Bicentenario do escritor e que recollerá a testemuña do cuarto congreso, que se celebrará en 2024 en Cartaxena de Indias, en Colombia.

 

A Sociedade Jules Verne de Vigo é unha asociación cultural, inscrita no Rexistro da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, fundada no ano 2012 e que ten por obxectivo reivindicar a estreita relación entre o escritor nantés e a cidade de Vigo, evidenciada no propio capítulo ‘A baía de Vigo’ de 20.000 leguas baixo dos mares, como tamén nas dúas visitas que o autor cursou á cidade olívica nos anos 1878 e 1884, nas que pasou varios días.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023