A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou o centro sociocomunitario de Ferrol coincidindo coa recente celebración do Día Internacional do Maior

Martina Aneiros lembra a importancia da inclusión das persoas maiores en todos os ámbitos da sociedade

A representante do Goberno galego lembrou os 600 millóns de euros que a Consellería de Política Social e Xuventude destina este ano ao sistema de atención a maiores, unha referencia a nivel nacional e europeo
 

Ferrol, 2 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro sociocomunitario de Ferrol, nas inmediacións da praza de España, onde compartiu tempo cos maiores deste centro coincidindo coa recente celebración do Día Internacional do Maior.

Durante a visita, a representante do Goberno galego aproveitou para reivindicar a presencia dos maiores en todos os ámbito da sociedade e puxo en valor o traballo realizado desde a Consellería de Política Social e Xuventude a favor de políticas e programas “que permitan aos nosos maiores vivir nun entorno que mellore as súas capacidades, que lles permita manter as súa independencia o máximo tempo posible e lles proporcione unha atención adecuada a medida que cumpren anos”, sinalou.

Aneiros lembrou que o Goberno galego destinou este ano 600 millóns de euros ao sistema de atención a maiores, que é unha referencia a nivel nacional e europeo. Ademais puxo en valor que Galicia conta cunha das máis amplas redes de atención con servizos como as casas do maior (nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal hai actualmente en funcionamento 4 e aprobouse a apertura de tres máis na última convocatoria), o programa de Coidados porta a porta; o de Xantar na Casa ou a rede pública de centros de alzhéimer, única en España e na que se encadra o centro de día que a asociación AFAL xestiona na Casa do Mar.

A delegada territorial destacou o orzamento “histórico” destinado ao Servizo de Axuda no Fogar, “un dos máis solicitados polos galegos” e o Plan de Investimentos, dotado con 18,5 M€ e que permitirá crear centros sociais de titularidade municipal nos municipios que presenten máis necesidades.

Un dos centros máis activos da provincia

O centro sociocomunitario de Ferrol é un dos 13 centros da provincia da Coruña adscritos á rede de centros sociocomunitarios da Consellería de Política Social e Xuventude e un dos máis activos, tanto polo número de actividades que imparte como pola afluencia de usuarios (acoden diariamente en torno a 60-80 persoas á cafetería, con independencia dos usuarios das actividades). O centro dispón de cafetería, sala de lectura e sala de estar e outra para o desenvolvemento de diferentes actividades como pilates, ximnasia, ioga, zumba, memoria ou móbiles que se levan a cabo periodicamente.

Ademais, en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería e a Fundación La Caixa para o desenvolvemento do programa de persoas maiores nos centros sociocomunitarios de Galicia, estanse a desenvolver diferentes obradoiros para mellorar a saúde física, fomentar os coñecementos no uso de whatsapp, practicar a capacidade de adaptación e resiliencia dos maiores ou mellorar o seu manexo das redes sociais, entre outros.

Durante a visita, a delegada territorial agradeceu o labor que realizan desde a dirección do centro á hora de dinamizar e programar actividades de interese para os maiores da cidade e “que lles permite levar a cabo un envellecemento activo, mantendo unha vida independente”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2023