A Xunta activa desde o próximo luns 9 de outubro unha liña de autobús entre a comarca do Barbanza e os hospitais de Santiago

A nova liña, que amplía as opcións dos traballadores sanitarios para desprazarse cara aos seus centros de traballo, funcionará de xeito diario e ininterrompidamente durante todo o ano

Os usuarios disporán de 3 servizos de ida e 3 de volta, nas franxas horarias de mañá, tarde e noite para desprazarse ao Hospital Clínico e ao Hospital de Conxo

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade activará desde o próximo luns, día 9 de outubro, unha nova liña de autobús entre a comarca do Barbanza e o Hospital Clínico de Santiago.

Deste xeito, a Xunta facilita os desprazamentos dos traballadores do Hospital Clínico e do Hospital de Conxo desde O Barbanza, ofrecéndolles opcións de mobilidade desde todos os concellos da comarca, con servizos mellor adaptados aos seus horarios de traballo.  

A nova liña, cunha duración estimada de viaxe de 1 hora e 30 minutos, pecorrerá un itinerario que terá 7 paradas: a estación de autobuses de Ribeira; estación de autobuses da Pobra do Caramiñal; Boiro; Rianxo; Hospital Clínico de Santiago; Hospital de Conxo e estación intermodal de Santiago.

Os usuarios disporán de 3 servizos de ida, con saídas da estación de autobuses de Ribeira ás 06,20 horas, ás 13,20 e ás 20,20 horas e chegada ao Hospital Clínico ás 07,40, 14,40, e 21,40 horas, respectivamente; e 3 servizos de volta, con saídas da estación intermodal de Santiago ás 08,10, 15,10 e 22,10 horas e paso polo Hospital Clínico ás 08,20, 15,20 e 22,20 horas.

Estes servizos , que funcionarán de xeito diario durante todo o ano, festividades incluídas, súmanse á mellora das conexións cos hospitais desde outros puntos da comunidade, como desde Lalín, Outes ou Noia.

Con estas melloras, a Xunta continúa traballando para adaptar os servizos de autobús autonómico ás necesidades da cidadanía, ofrecendo mellores conexións e un servizo de transporte público de calidade.

A información relativa a estes servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 02/10/2023