O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe nun encontro organizado por Cruz Vermella na Estrada

A Xunta destaca a solidaridade, cariño e coidados das familias acolledoras cos nenos e adolescentes aos que abren as súas casas

O Goberno galego incrementou este ano nun 20% as axudas destinadas a estas familias e creou o primeiro programa de acollemento familiar especializado
 

A Estrada (Pontevedra), 30 de setembro de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, agradeceu hoxe ás familias acolledoras a súa solidariedade, o cariño e os coidados que dan a nenos e adolescentes aos que abren as súas casas. Fíxoo nun encontro organizado por Cruz Vermella no Pazo de Xerlís da Estrada, e no que reiterou o compromiso do Executivo autonómico de seguir reforzando os servizos e programas de atención aos menores para atender todos os casos de posible desprotección.

Así, Jacobo Rey apuntou que neste ano 2023 a Xunta incrementou nun 20 % as axudas destinas ás familias acolledoras para que os nenos que se atopan dentro do sistema de protección autonómico poidan medrar nun fogar. Neste sentido, lembrou que tamén se creou o primeiro programa de acollemento familiar especializado, para que os nenos con máis dificultades poidan atopar un fogar de acollida.

Ademais, o director xeral destacou o compromiso de Cruz Vermella co programa de acollemento familiar da Xunta. Ao respecto, sinalou que esta colaboración é fundamental para que menores que están tutelados pola Administración autonómica poidan ter a seguridade, a educación e o cariño que necesitan mentres se solucionan as circunstancias que lles impiden vivir coas súas familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023