O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo reuniuse co rexedor municipal

Xunta e Concello de Toén analizan as liñas de axudas en materia de vivenda ás que pode optar o municipio

Tamén abordaron o interese do Goberno local na creación dun parque empresarial de titularidade municipal, un proxecto para o que o IGVS lle ofreceu o seu asesoramento

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2023

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, expúxolle ao alcalde de Toén, Ricardo González, as diferentes axudas en materia de vivenda que a Xunta pon á disposición dos concellos galegos.

En concreto, o departamento autonómico ofrece ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes axudas para que poidan constituír un parque público residencial de titularidade municipal rehabilitando vivendas ou inmobles propiedade do concello para destinalas a alugueiro social. Por esta vía, os concellos poden recibir do IGVS unha axuda de ata o 95 % do custo da rehabilitación, co límite de 50.000 euros por vivenda (55.000 euros no caso de que se atope en ámbito histórico ou do Camiño de Santiago).

Ademais, tamén lle trasladou que os concellos de menos de 10.000 habitantes como Toén poden recibir axudas de ata 15.000 euros por vivenda para a reparación de infravivendas, tanto de propiedade municipal como privadas.

Así mesmo, o director xeral do IGVS indicoulle que este organismo financia as actuacións de rehabilitación realizadas polos concellos con préstamos sen xuros a devolver nun prazo máximo de 8 anos.

Finalmente, na xuntanza Heriberto García ofreceu ao concello o asesoramento do Instituto para analizar os ámbitos que o concello seleccione para o desenvolvemento dun parque empresarial de titularidade municipal a través da modificación do planteamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2023