O delegado territorial da Xunta celebra os bos resultados do obradoiro dual de emprego de Moraña e Valga na súa clausura

Os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas

O delegado territorial lembrou que para este curso poranse en marcha máis de dez novos obradoiros na área territorial de Pontevedra, grazas a unha inversión da Xunta de preto de sete millóns de euros

Moraña, 29 de setembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual financiado pola Xunta con máis de medio millón de euros nos concellos de Moraña e Valga.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se dividiron entre as especialidades de Forestal e Carpinteira.

Os involucrados destacan os bos resultados do curso e gran ambiente de compañeirismo que se viviu este ano. Os estudantes participaron durante un ano nas clases teóricas e nas formacións prácticas remuneradas, que os levaron a desenvolver todo tipo de proxectos que beneficiaron directamente aos seus concellos.

Entre estas iniciativas destacan a limpeza de sendas, a poda e mantemento de zonas verdes e, moi especialmente, a mellora dos espazos naturais da Vía Mariana Luso Galaica. Tamén os participantes no obradoiro de carpintería desenvolveron un gran traballo nesta importante vía. En concreto, os carpinteiros elaboraron cartelaría e bancos que xa están instalados na senda. Ademais, fabricaron cubre-contenedores, xardineiras, mobiliario para o arquivo municipal, varandillas para o miradoiro da praia de Vilarello entre outras pequenas elaboracións.

Neste momento, os responsables dos cursos están a traballar para contactar con empresas interesadas na contratación dos participantes. Confirman dende o concello que algún deles xa conseguiu un emprego grazas á formación obtida no obradoiro e que hai varias empresas que se mostran moi interesadas na contratación destes profesionais. 

No acto de clausura proxectouse un vídeo resumo con algunhas das obras realizadas no Obradoiro durante o último ano. O delegado territorial asegurou sentirse gratamente sorprendido “non só polo gran traballo que levaron a cabo, senón tamén polo ambiente de compañeirismo e colaboración que se nota no grupo e que, de seguro, vos vai acompañar nas vosas experiencias profesionais”.

Reguera aproveitou para lembrar que este ano vanse levar a cabo máis dunha decena de novos obradoiros nos concellos da Área Territorial de Pontevedra, por unha inversión de preto de sete millóns de euros. Entre eles volven estar os concellos de Moraña e Valga, que repetirán os cursos de Forestal e Carpintería que tan bos resultados lles deron.

“Todos os que estades aquí, alumnado, profesores e tamén alcaldes, sodes un exemplo de saber facer e de aproveitamento dos recursos que a Xunta pon ao voso alcance. Para o ano, vinte novos profesionais sairán destes obradoiros cunha formación teórica e práctica de primeiro nivel, e iso é grazas aos bos resultados desta edición e ao gran traballo levado a cabo polos concellos”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023