Martina Aneiros clausura en Ares o obradoiro de emprego ‘Reinicia IX’ que formou 16 alumnos en atención sociosanitaria e carpintería e moble

A delegada territorial da Xunta manifesta o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na comarca e pon en valor este tipo de formación orientada a cubrir as demandas reais do entorno

Este é un dos dous obradoiros de emprego liderados por municipios da área que a Xunta levou a cabo este ano nas comarcas de Ferrol e Eume

Ares (A Coruña), 29 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego Reinicia IX, impulsado polos concellos de Ares, Mugardos, Fene e Cabanas e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cun investimento de 504.000 euros.

Durante o acto, que se desenvolveu no edificio Alianza Aresana, Aneiros procedeu á entrega dos diplomas acreditativos aos 16 alumnos que culminaron as accións formativas, nove na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións e sete na de Carpintería e moble.

Este é un dos dous obradoiros, xunto ao de Monfero, celebrados este ano na comarca (Pontedeume, Cabanas e Monfero tamén participaron noutro comandado polo Concello de Miño). Os seus participantes realizaron as prácticas nos centros de día de Caamouco (Ares) e Esteiro e Caranza (Ferrol), entre outros, no caso da rama sociosanitaria; mentres que os alumnos de Carpintería executaron actuacións reparacións de elementos de madeira e construción de novo mobiliario urbano e de oficina en distintos puntos dos municipios.

Aneiros aproveitou a ocasión para manifestar unha vez máis o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na comarca de Ferrolterra, un compromiso que exemplificou na posta en marcha de programas formativos como o que hoxe se clausurou en Ares. “O feito de que esteamos a falar dunha novena edición, fala do éxito desta convocatoria e gran parte do éxito da mesma que radica na concepción dun programa orientado a satisfacer as necesidades reais do entorno o que é garante dunha inclusión laboral máis alta”, sinalou.

A través dos obradoiros de emprego como o que hoxe culminou en Ares, ofrécese ao alumnado un período de 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas do entorno nos que se celebran. Ao final dos mesmos as alumnas e alumnos obteñen un certificado de profesionalidade.

Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas en situación de desemprego con dificultades para acceder ao mercado laboral, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta coas entidades locais. Este ano o Goberno galego destinou preto de 40 millóns de euros a organizar obradoiros por toda Galicia cos que espera beneficiar a unhas 1.400 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023