A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe ás IX Xornadas de portas abertas do Grupo Regueira

Lorenzana subliña que a formación é clave ante os avances tecnolóxicos que se están a producir no sector da automoción

Sinalou como retos do sector a innovación, a sustentabilidade e poder contar con capital humano cualificado e preparado para operar con equipamentos e en contornos cada vez máis tecnolóxicos

Felicita ao Grupo Regueira polo éxito destas xornadas, un dos grandes escaparates a nivel nacional onde os profesionais dos talleres de toda España poden coñecer as últimas tendencias

A Coruña, 30 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a formación dos profesionais que traballan en toda a cadea de valor do sector da automoción é clave ante os avances tecnolóxicos que se están a producir nesta industria.

Durante a súa intervención na clausura das IX Xornadas de portas abertas do Grupo Regueira, a conselleira sinalou como retos do sector a innovación, a sustentabilidade e poder contar con capital humano cualificado e preparado para operar con equipamentos e en contornos cada vez máis tecnolóxicos.

Lorenzana lembrou que a automoción en Galicia —que representa o 13,8 % do emprego industrial na Comunidade—, conseguiu o ano pasado a cifra máis alta de negocios, cun 3 % de incremento na facturación (11.550 M€), e o máximo histórico en exportacións, 8.220 M€.

Segundo dixo, a pesar das dificultades, dá mostras de ser un sector estratéxico resiliente grazas á capacidade tecnolóxica de toda a cadea de valor e ao seu esforzo por liderar os avances que se están producindo no ámbito da mobilidade do futuro. Nese contexto, lembrou, os fondos europeos van ser fundamentais.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, quixo ademais felicitar ao Grupo Regueira polo éxito destas xornadas, un dos grandes escaparates a nivel nacional onde os profesionais dos talleres de toda España poden coñecer as últimas tendencias. Tamén, engadiu, unha mostra do peso que ten o sector da posvenda dentro da industria da automoción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023