A Xunta renova o investimento no obradoiro Moaña Labora con 531.000 euros para a formación de persoas desempregadas

A delegada territorial de Xunta en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este venres o curso Moaña Labora VI e lembrou que xa están aprobadas novas achegas para iniciar de inmediato unha nova edición do obradoiro

Moaña, 29 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este venres a sexta edición do obradoiro Moaña Labora VI que permitiu formar durante o último ano a 20 persoas desempregadas. A representante autonómica confirmou a reedición do curso cun investimento de 531.000 euros por parte da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

 

Ortiz, que estivo acompañada pola alcaldesa, Leticia Santos, animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano son unha ventá ao mercado de traballo e tanto a cidade como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

 

Ademais, salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na área de Vigo e salientou os estudos impartidos en Moaña para hostalería. A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.

 

A delegada fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

 

Ademais do obradoiro adicado a Moaña, a delegada indicou que xa existe unha nova achega de 531.046,20 euros para o curso Vigo Capacita IX, concedidos a través do Concello de Vigo, e outros 265.523,10 euros para o III Obradoiro Forestal Montes de Vigo, a través da Mancomunidade de Montes.

 

Ademais, Gondomar promoverá xunto a Baiona e Nigrán a iniciativa Coidando Miñor III; Salceda de Caselas contará co curso Reformas e Melloras de Centros Formativos e Cívicos 2023; Salvaterra de Miño terá o Salvaterra Emprega III; Cangas porá en marcha Granxa da Rúa XII; Redondela a cuarta edición do Redondela Máis que Bela IV; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porremprego Cualifica II, e Mos terá o taller Queda en Mos II.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023