O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na presentación dos resultados da terceira edición desta iniciativa que funcionou desde finais de agosto e durante setembro

O programa Contigo no Camiño co que a Cruz Vermella e a Xunta reforzaron este verán a atención aos peregrinos no Camiño francés remata con máis de 700 servizos

Equipos móbiles de profesionais e voluntarios en bicicleta eléctrica realizaron distintas tarefas de atención sanitaria leve e facilitaron información loxística para o percorrido

Xosé Merelles salienta que se aliña cos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago que a Xunta ten en marcha con medidas para fortalecer a seguridade na peregrinación
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe os resultados do programa ‘Contigo no Camiño’ co que a Cruz Vermella leva tres anos reforzando a atención aos peregrinos do Camiño Francés co apoio da Xunta de Galicia. Nesta edición pechouse con 700 servizos de atención aos peregrinos, con tarefas que incluíron desde asistencia sanitaria leve ata información loxística e práctica para o seu percorrido.

Como expresou, tras tres anos en funcionamento, a iniciativa constata a súa eficacia. Valorou moi positivamente, que este ano se incorporasen por vez primeira tamén de voluntarios de Cruz Vermella que, xunto aos profesionais, “conseguiron reforzar a seguridade e a atención que sempre buscamos para os peregrinos no seu percorrido ata Santiago de Compostela”.

Neste sentido indicou que Contigo no Camiño alíñase cos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago que a Xunta ten en marcha con máis de 141M€. A través desta folla de ruta búscase impulsar a conservación e mellora dos itinerarios xacobeos e inclúense medidas para mellorar os servizos e a experiencia dos peregrinos. “No proceso de elaboración deste Plan e froito do traballo de campo, un dos puntos máis valorados dos peregrinos e ao que máis importancia lle daban era a seguridade. Acadou unha puntuación dun 8,5 sobre 10 debido ao entorno agradable e tranquilo, así como aos dispositivos especiais de vixianza das forzas da orde presentes na ruta”, expresou.

Para seguir afondando nesta boa valoración, engadiu, o Goberno autonómico apoia iniciativas como a que leva a cabo a Cruz Vermella, que, ademáis, “son de especial singularidade ao incorporar patrullas móbiles en bicicleta eléctrica, que permiten afondar na sustentabilidade do Camiño e ofrecer unha atención itinerante combinándoa cos postos fixos en distintos puntos”.  

De varias nacionalidades

Contigo no Camiño botou a andar a finais do pasado mes de agosto e remata en setembro con máis de 700 atencións prestadas a peregrinos.  A maior parte dos servizos estiveron vinculados con asistencias sanitarias leves como feridas nos pés ou dores musculares. Tamén se realizaron accións de apoio doutra índole, como información de carácter xeral das etapas da ruta, a súa dificultade, lugares nos que durmir, comer ou visitar, así como puntos para obter auga potable, entre outros. As asistencias realizáronse, ademáis de a peregrinos españois, tamén a caminantes procedentes de Portugal, Colombia, Brasil, Ecuador, Irlanda ou Estados Unidos. Os equipos móbiles de profesionais contaban con formación en primeiros auxilios, desfibrilación semiautomática, xeolocalizacióne cubrían por completo os percorridos do Camiño Francés entre Sarria e a cidade de Santiago de Compostela, o primeiro itinerario con máis peregrinos e que, no que vai de ano, rexistrou máis de 180.000 camiñantes que recolleron a Compostela.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023