A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe estas actuacións para mellorar o saneamento do núcleo urbano do municipio

Ethel Vázquez avanza que as obras do tanque de tormentas de Lalín, ao 30% de execución e que rematarán no verán, se completarán coa ampliación da depuradora, sumando un investimento de 16 M€

Estanse a construír os 4 treitos principais de colectores: na marxe dereita e esquerda do río Pontiñas; para recoller as augas residuais da zona sur e levalas ao tanque de tormentas; e o colector que recollerá as augas da rede de Donramiro

O tanque de tormentas terá unha capacidade de 5.000 m³ e vai semisoterrado, o que permitirá o baleirado por gravidade, sen bombeo

Vázquez Mourelle concreta que os traballos marchan a bo ritmo, coa construción dos colectores interceptores moi avanzada e progresando na estrutura do tanque de tormentas

Explica que estas obras teñen que ir ligadas á ampliación da capacidade da depuradora, para que poida xestionar o volume de auga residual retido durante os episodios de choiva

Avanza que na primavera estará redactado o proxecto construtivo para á ampliación da capacidade da depuradora da Corredoira, que suporá un investimento estimado que roldará os 10 M€, xa planificado para no período de fondos europeos

Pon en valor o orzamento de 10,3 M€ no Centro integral de saúde de Lalín, cuxo remate se prevé neste outono
 

Lalín (Pontevedra), 29 de setembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que as obras do tanque de tormentas de Lalín, ao 30% de execución e que rematarán no verán, se completarán coa ampliación da depuradora, sumando un investimento global de 16M€.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, supervisou a marcha dos traballos que está a executar a Xunta para mellorar o saneamento do núcleo urbano do municipio.

Trátase da execución dun novo tanque de tormentas e dos colectores interceptores na contorna do río Pontiñas, que permitirán acadar un funcionamento da rede municipal de saneamento máis eficiente.

Para acadar estes obxectivos, explicou que se está a aumentar a capacidade da rede de saneamento, renovando a rede de colectores interceptores das marxes do río e construíndo un tanque de tormentas que reterá as augas cando haxa episodios de chuvias.

Concretou que se constrúen 4 treitos principais de colectores, ademais de pequenos treitos de entronque para a conexión coa rede actual. Eses treitos principais execútanse na marxe dereita e esquerda do Pontiñas, tamén para recoller as augas residuais da zona sur e levalas ao tanque de tormentas, ademais do colector que recollerá as augas da rede de Donramiro.

Apuntou que o tanque de tormentas terá unha capacidade de 5.000 m³ e vai semisoterrado, o que permitirá o baleirado por gravidade, sen bombeo. Nun edificio auxiliar instalarase un pretratamento para que o caudal que non poida derivarse á depuradora poida ser pretratado.

Detallou que os traballos marchan a bo ritmo e na actualidade estase a traballar na construción dos colectores interceptores, xa moi avanzados, que obrigará, despois, a unha reposición integral das sendas fluviais. Tamén se avanza na estrutura do tanque de tormentas que vai semisoterrado, coas pantallas de formigón autoportantes.

Remarcou que estas intervencións serán completadas cun traballo de integración paisaxística destas infraestruturas de saneamento, xa que na contorna do tanque de tormentas plantaranse árbores autóctonas e habilitase un parque infantil con distintos xogos que serán unha homenaxe ao cocido, prato emblemático do concello.

Esta intervención enmárcase na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración.

A actuación está financiada pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte  da resposta da UE á pandemia da Covid-19.

Ethel Vázquez sinalou que a intervención en marcha é unha das recollidas como prioritarias no Plan Director de saneamento de Lalín, que redactou Augas de Galicia.

Subliñou que para acadar os resultados establecidos nese Plan director, as obras do tanque de tormentas e dos colectores interceptores teñen que ir ligadas á ampliación da capacidade da depuradora, para que poida xestionar o volume de auga residual retido durante os episodios de choiva.

Neste sentido, avanzou que en maio se iniciou a redacción do proxecto construtivo para a mellora da depuradora da Corredoira ao que se destina 185.000 € e que estará rematado na primavera. Ese traballo determinará a conveniencia de ampliar a depuradora ou de construír unha nova, intervención que suporá un investimento estimado que roldará os 10M€, xa planificado para o vindeiro período de fondos europeos.

A conselleira recordou que a esta aposta en materia hidráulica se suma o esforzo no eido sanitario, coa achega dun orzamento autonómico de 10,3 M€ para impulsar o Centro integral de saúde, que se atopa ao 80% da súa execución e se prevé rematar este outono.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023